Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O festival de contidos dixitais Carballo...

Compartir:

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay gaña o premio Rodolfo Prada

O galardón distingue a xestión cultural e está dirixido a persoas, proxectos e colectivos que desenvolven iniciativas culturais vinculadas a Galicia.

Público na edición 2021 do Carballo Interplay

Público na edición 2021 do Carballo Interplay | 📷 Leo López

15 de outubro de 2021 - O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay será galardoado hoxe venres 15 de outubro en Ourense co premio Rodolfo Prada 2021 á xestión cultural, dirixido a persoas, proxectos e colectivos que desenvolven iniciativas culturais vinculadas a Galicia. Recollerán o premio en nome do Concello de Carballo, organizador do festival, o Concelleiro de Turismo, Xosé Regueira e a Técnica de Turismo Maite Parga. O Carballo Interplay recibe o premio, segundo subliña a Deputación de Ourense, creadora dos premios, por ser pioneiro como festival de webseries e leva xa celebradas 8 edicións convertido nun dos festivais de contidos dixitais mais importantes do país, sempre atento ás novas linguaxes. Os seus contidos van máis alá da ficción seriada e buscan explorar as posibilidades de internet como medio para a narración, o humor más transgresor, a non ficción, a cultura dixital, o patrimonio audiovisual dixital ou a performance interactiva, sempre co vídeo como base. Xunto co Interplay tamén foron galardoados o proxecto ‘Patrimoniogalego.net’ e o FITO (Festival Internacional de Teatro de Ourense).

Os premios toman o seu nome do galeguista Rodolfo Prada, unha figura histórica da emigración galega en Bos Aires

O premio Rodolfo Prada está dirixido a persoas, proxectos ou colectivos que desenvolvan iniciativas culturais vinculadas a Galicia e toma o seu nome do galeguista Rodolfo Prada, unha figura histórica da emigración galega en Bos Aires, onde chegou a ser o gran valedor de Castelao. Este premio realza ese compromiso que tivo Rodolfo Prada con Galicia desde a emigración, e recoñece a labor creativa que se desenvolve en Galicia nas artes, o audiovisual, as letras, a etnografía, a música ou o patrimonio, entre outras actividades. O galardón está dotado cunha aportación da Deputación de Ourense de 3000, 2000 ou 1000 euros  para os proxectos gañadores. Asemade, todos os premios van acompañados nas tres modalidades dunha escultura conmemorativa do escultor ourensán Manuel Buciños e un diploma acreditativo do premio. O acto de entrega dos Premios Rodolfo Prada está programado para hoxe venres 15 de outubro ás 19.00 horas no Centro Cultural Marcos Varcarcel de Ourense  dentro da programación da ICC Week 2021.

Os proxectos gañadores da edición 2021 foron decididos nunha reunion celebrada o sábado 9 de outubro en Ourense na que estiveron presentes os membros do xurado no que participan a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica