Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Avanza o proxecto de turismo sostible no río...

Compartir:

Avanza o proxecto de turismo sostible no río Anllóns

Acaba de constituírse o Consello de Dirección da iniciativa, que porá en valor a natureza e o patrimonio inmaterial do caudal que atravesa Carballo

Río Anllóns ao seu paso por Carballo

Río Anllóns ao seu paso por Carballo | 📷 Antonio Fernández

NOVAS RELACIONADAS:
A Deputación da Coruña traballa cos alcaldes dos municipios polos que transcorre o Anllóns para elaborar un proxecto turístico integral
Carballo únese ao Proxecto Anllóns para poñer en valor o noso río


4 de outubro de 2021 
- O Proxecto Anllóns, unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña para activar proxectos de turismo sostible e que poñan en valor o río máis importante de Carballo e de Bergantiños, vén de dar un paso fundamental coa constitución formal do seu Consello de Dirección. Despois da formalización do convenio marco, o xoves 30 de setembro tivo lugar en Cabana unha xuntanza que, ademais de para constituír este organismo do que forman parte o ente provincial e os concellos da Laracha, Cabana, Coristanco e Ponteceso, serviu para presentar a empresa que se ocupará de realizar a diagnose medioambiental e unha proposta de actuacións turísticas sustentables para a contorna do río Anllóns.

Un dos obxectivos tamén é levar a cabo accións sobre o patrimonio inmaterial ou relacionados coa identidade cultural do río

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, que presidiu esta reunión explica que todo o traballo realizado está destinado a "chegar á colaboración entre concellos para poñer en valor o gran potencial fluvial que temos, tanto a nivel de turismo como de patrimonio natural e incluso de carácter industrial, o que nos permitirá traballar mesmo coa perspectiva de candidatarnos a Fondos Next Generation" (fondos europeos destinados a paliar os efectos da COVID-19). Neste sentido, o vicepresidente lembra que "este proxecto non só será unha posibilidade de diversificación de fluxo turístico senón que, sobre todo, será unha posibilidade de mellorar a saúde ambiental e calidade das augas do río Anllóns, que vertebra una boa parte da comarca de Bergantiños".

Obxectivos da iniciativa

Xuntanza de constitución do Consello de Dirección | 📷 Concello de Cabana

Consello de Dirección | 📷 Concello de Cabana

Os obxectivos do proxecto son a posta en valor da riqueza ecolóxica e da biodiversidade do trazado do río Anllóns, mais tamén desenvolver accións relacionadas co patrimonio inmaterial e mesmo coa identidade cultural relacionada co propio río. Neste sentido hai que salientar a importancia do propio trazado do río que nace na parroquia de Soandres, no concello da Laracha, e percorre a comarca natural vertebrándoa ata desembocar no esteiro do Anllóns, entre Ponteceso e Cabana. Co obxecto de preservar a biodiversidade e o patrimonio natural propio desta comarca, o proxecto recollerá accións de recuperación do bosque de ribeira e a erradicación da flora alóctona e plantas invasoras en ámbitos próximos ao río, que serán complementadas con accións divulgativas entre a comunidade escolar. Entre as iniciativas que se van incluír no proxecto tamén se valorarán as referidas ao patrimonio inmaterial e á identidade cultural relacionada co río Anllóns, como poden ser a recuperación de sendeiros de pescadores, a posta en valor de lendas e de historias de tradición oral ou iniciativas relativas a infraestruturas fluviais como minicentrais ou muíños de batán. O convenio ten unha duración inicial de 4 anos.

O Consello de Dirección do Proxecto Anllóns está conformado por dúas persoas representantes da Deputación e dúas de cada concello integrante da comunidade intermunicipal, e está presidido, durante o primeiro ano, por Cabana de Bergantiños por ser o concello de menor poboación, representado polo seu alcalde José Muíño. Na xuntanza de constitución, ademais de Xosé Regueira e José Muíño, estiveron presentes os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero; Coristanco, Juan Carlos García Pose; Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, e o tenente de alcalde da Laracha, José Ramón Martínez Barbeiro, así como persoal técnico de Turismo dos concellos e da Deputación.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica