Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Volve o Xiria Pop: o 24 e 25 de setembro!

Compartir:

Volve o Xiria Pop: o 24 e 25 de setembro!

O festival de música máis lonxevo de Carballo cumpre 24 anos con grupos galegos, pero tamén de Barcelona, Madrid, Xixón, Santander ou Murcia

XXIV Xiria Pop 2021

14 de setembro de 2021 - O festival de música máis lonxevo de Carballo, o Xiria Pop, volve este ano para cumprir 24 outonos enriba dos escenarios. E faino nun lugar histórico para a vila, como é o Casino, o venres 24 e o sábado 25 de setembro. Pablo Solo (Santander), Ángel Kaplan (Xixón), Jabato (Madrid) e Los Malinches (Murcia) son a proposta para a primeira xornada; mentres que Escombros (Madrid), The Brosas (Burela) e Las Sombras (Barcelona) enchen o cartel do sábado do que caeron os galegos Samesugas por problemas alleos á organización. No seu lugar haberá una sesión vermú cos ferrolanos Quant. Respecto das entradas, por motivos de aforo este ano só están dispoñibles os bonos para o venres e sábado, que poden mercarse en Woutick.es por un prezo de 15€. A apertura de portas é ás 21.00 e está previsto que os concertos comecen ás 21.30 h.

VENRES

  • Jabato (Madrid). Son un grupo que xa estivo no festival e que está formado por César (guitarras, baixo, teclas e voz) Marta (batería, percusión e coros) e David (baixo e coros). Os compoñentes formaron ou forman parte doutras bandas como Jíbaros, Altavista... A súa música é unha mestura de power pop, new wave e rock'n'roll con hits redondos de rúa con guitarras cristalinas e letras incisivas.
  • Ángel Kaplan (Xixón). Es moi coñecido pola súa militancia nos power-poperos Bubblegum, cuxos destinos dirixe dende hai unha década; ou pola súa etapa como baixista de Doctor Explosion. Lanzou o seu debut en solitario en 2008 con Transparent Dayze, un mini LP autoproducido, e o seu primeiro longa duración foi Pictures From The Past (Sunny Day Records), a súa grande oportunidade para meter a cabeza na escena pop sixties.
  • Pablo Solo (Santander). É un compositor, cantante e multiinstrumenta cántabro. Tras a disolución de The Puzzles, Pablo Fernández transformouse en Pablo Solo e lanzouse en solitario con Alondras, un compendio de cancións gravadas na súa propia casa que viu a luz con Folc Records. O disco, de escoita amena e fascinante, mostra a un compositor prolífico e en estado de graza.

SÁBADO

  • Las Sombras (Barcelona). É un grupo de música punk e garaxe rock xurdido en 1989. Está formado por Xavier «Sam», guitarra, Claudio Glaesmer, guitarra e coros, Albert «Bowie», batería e Martini Tamer, baixo e coros. Fieis a un método que combina os acordes xustos e unha actitude compulsiva Las Sombras sobreviven atrincheirados no seu reduto sónico: un universo paralelo que se regodea en calquera axuste xurdido do primeiro elepé de The Who e na insensatez dunha cara B de Johnny Moped.
  • The Brosas (Burela). The Brosas son unha banda composta por Lorenzo (baixo), Bernardo (guitarra e voz), Rubén (guitarra) e Gara (batería). O seu son fórmano as cancións contundentes en galego, directas, clariñas e concisas: boogie rock desquiciado, furia redneck e ferro a fondo ata que parta o pistón.
  • Escombros (Madrid) está formado por Miguel (voz e guitarra), Sanet (guitarra), Parli/Eddie (baixo) e Federico (batería). A súa música é unha mestura de punk rock, rock’n’roll e garaxe, con temas de sucio e chirriante rock’n’roll cargados de nervio e actitude, combinando o rock urbano dos 70 co punk rock dos 80.
  • Xiriavermú con Quant. Chegados de Ferrol volven coas súas letras desenfadadas e guitarras limpas para comezar coa festa do Xiria Pop ao mediodía.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica