Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O Interplay convirte Carballo no escenario dunha...

Compartir:

O Interplay convirte Carballo no escenario dunha serie post-apocalíptica

O mércores 8 de setembro arrinca a 8ª edición do Festival de Contidos Dixitais coa estrea de dous capítulos da serie Dinosaurios gravados na vila

Rodaxe de Dinosaurios do Obradoiro Kamikaze na costa carballesa

Rodaxe de Dinosaurios do Obradoiro Kamikaze na costa carballesa | 📷 Leticia T. Blanco

NOVAS RELACIONADAS:
Ábrese o prazo para presentar series ao VIII Carballo Interplay!

23 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do VIII Carballo Interplay
O Interplay reunirá en Carballo aos Masters da internet de Galicia
O Interplay trae a Carballo o humor máis activista e disidente da Internet española

7 de setembro de 2021 - A praia de Baldaio e as rúas de Carballo acolleu no mes de setembro a gravación dunha serie post-apocalíptica, dentro do Obradoiro Kamikaze que dá o pistoletazo de saída ao Carballo Interplay 2021. As imaxes da vila poderán verse o próximo mércores, día 8, na estrea mundial dos dous "Dinosaurios" ideados e editados por unha ducia de estudantes e de profesionais do sector audiovisual galego coa que arrincará a 8ª edición do Festival de Contidos Dixitais. Como todas as actividades do Interplay, esta estrea será presencial e gratuíta, previa reserva de entradas na web do festival. A maioría das actividades poderán verse, tamén, en Youtube, Facebook e Twitch, vía streaming.

Co humor e co cambio social por bandeira, o Interplay trae este setembro por 8º ano consecutivo a Carballo as últimas tendencias na creatividade social de Galicia, de España e do resto do mundo. Na Sección Oficial compiten series de Arxentina, Chile, Ecuador, Canadá, Estados Unidos, Australia, Alemania e Israel, ademais de Galicia e do resto de España. Unha completa panorámica do que se está cocendo no mundo das series a nivel global, coa comedia como fórmula preferida polas creadoras e os creadores dixitais para contar as historias máis diversas e dando conta da enorme relevancia que adquiriron as temáticas sociais nas producións audiovisuais máis anovadoras e persoais.

Premios e sección oficial

A organización do Interplay reserva, tamén, un momento para botar a vista atrás e analizar o pasado e o presente das series web en Galicia da man de creadoras de e creadores como Sonia Mendez (Angélica y Roberta), Irene Pin (Amnesia 3.0), Javi Camino (El viudo quiere mimos), Óscar Cruz (colectivo Porco Bravú) ou Lucía Estévez (Xan). E, como ven sendo habitual nas últimas edicións do festival, o Carballo Interplay non se limita a seleccionar e ofrecer o mellor do contido dixital global, senón que quere contribuír a fomentar a creación dixital innovadora, en lingua galega e para o mundo, para o que conta cun premio ao proxecto de serie en lingua galega que ofrece 3000 euros para a creación dos tres primeiros capítulos.

O xoves 9 pola tarde competirán por ese galardón catro comedias con distintos graos de acidez e propostas estéticas ben alonxadas: Pulp Air, unha comedia pop de Helfunk Studio (Anita Pico e Rocío López); Pringadas, un drama come of age de Belén Puime Bao; Trela, Clínica de suicidios, unha comedia dramática de Gemma Do Carmo e Margot Alvarado dirixida por Cris Andina; e Non son a túa avoa, unha historia de desencanto, roubos e desaparacións creada por Pedro Souto. De seguido, o gañador do premio a pasada edición do festival, David Fidalgo, estreará os tres primeiros capítulos de Cacola, unha webserie de animacións irreais e historias autoconclusivas cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar.

Encontros

Percebes y Grelos, Living Postureo e Henar Álvarez

Percebes y Grelos, Living Postureo e Henar Álvarez

Un dos obxectivos do Carballo Interplay é seguir transformando, medrando, ensinando, e promocionando o talento galego na rede. Por isto, nesta edición, o equipo do festival artellou un encontro cos principais puntas de lanza nas novas narrativas dixitais do país moderado por Alba Mancebo e Esther Estévez, dúas das caras máis novas e máis representativas da presenza da TVG na rede. Entre os "Masters da internet" que analizarán en qué momento se atopa a creación dixital en Galicia e qué retos afrontará no futuro atópanse os ilustres gañadores do premio Galitwitter, Jon Amil e Mira1cousinha; representantes de dous dos podcasts máis exitosos do último ano, Samuel L. París (MBA mal) e Carme D. Prol (Café Derby 21), da man do creador de Podgalego, Isaac González; creadoras de contido para Youtube, Olaxonmario e Nee Barros, e Tik Tok, Malva e Leti da Taberna; ou un dos impulsores da iniciativa Twitch en Galego, Agos Reigosa.

Ademais, o venres 10, o Carballo Interplay recupera programación profesional con Portugal como país convidado. Ao longo de toda a xornada, haberá presentacións e debates e establecerase un punto de encontro para que creadoras/es, empresas produtoras e plataformas de Galicia, de España e de Portugal contacten e intercambien ideas para posibles proxectos e colaboracións futuras.

Moito humor

Pecharán a xornada e abrirán a fin de semana dous dos pratos fortes do festival: un completo repaso polos momentos penosos da internet da man de dous todoterreos do humor intelixente, a Pochosfera de David Pareja e Lorena Iglesias, e o show que ofrecerán tres das cómicas máis relevantes do panorama estatal actual Rajando con... Carolina Iglesias, Victoria Martín e Henar Álvarez. A guionista, cómica e comunicadora galega Carolina Iglesias volve ao Interplay para "rajar" sobre o divino e sobre o humano coa súa compañeira e socia, a xornalista, guionista e colaboradora de televisión e radio Victoria Martín, despois de gañar o Premio a Mellor Serie con Válidas a pasada edición, na que tamén lle ofreceron ao público do festival un episodio especial do seu exitoso podcast Estirando el chicle. Acompañaráas neste show único -para o que se esgotaron as entradas en menos dun minuto, pero que tamén se poderá ver por streaming- unha das voces máis visibles e persoais da comedia actual, Henar Álvarez, presentadora de Buenismo bien (Cadena Ser) e que acaba de estrear o primeiro "Late Night" da plataforma Twitch.

O sábado 11, chegarán Esnórquel e Perra de Satán co seu podcast ¿Puedo hablar! onde cada semana analizan, co seu particular humor e sen censura, cuestións como a saúde mental, os seus corpos, a política, a cultura, o ligoteo, o sexo, a depresión... e moita televisión dos noventa. Esnórquel será, tamén, o encargado de ofrecer o seu Código Fonte Audiovisual, un percorrido por vídeos de youtube de alcance queer que marcaron a súa adolescencia na aldea e na universidade, de xeito paralelo ao seu crecemento como "maricón pintao".

A internet de mudar as cousas

Internet parece un espazo onde agroman os comportamentos tóxicos, favorecidos por uns misteriosos algoritmos que multiplican o seu alcance entre unha sociedade debilitada e fácil de alporizar. A rede hai tempo que deixou de ser un espazo de utopías para albergar algunhas distopías con graves consecuencias do outro lado das pantallas. Nun espazo gobernado polos clics, os likes e a sobreexposición continua, hai espazo para os discursos disidentes? Como se combaten os discursos de odio? Cales son as claves para xerar espazos de seguridade?

O Carballo Interplay falará sobre Activismo na rede con Pol Andiñach (Vilassar de Mar, 1991), coordinador do colectivo de xornalistas Cuellilargo e autor do libro Todo el mundo puede ser antifa. Manual práctico para destruir el fascismo (2021); con Laura Tabarés (León, 1991), membro do colectivo de produción cultural especializado en virtualidade e programas educativos con perspectiva feminista Ontologías Feministas; e con parte da colectividade millennial Proyecto UNA, que investigan sobre as guerras culturais de poder nos medios, Internet e a realidade analóxica.

E, sen perder de vista o papel do humor no activismo e na disidencia, o festival conversará de Humor, precariedade xeracional e ilustración coa viñetista, cómica e creativa Anastasia Bengoechea (Barcelona, 1982), Monstruo Espagueti; coa ilustradora e humorista Violeta Navas Ortega (Granada, 1994), La Prados; e coa viñetista Roberta Vázquez (Santiago de Compostela,1989), autora do cómico ¡Socorro! coa editorial Apa Apa.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica