O Interplay trae a Carballo o humor máis activista e disidente da Internet española
O festival xuntará do 8 ao 11 de setembro a Carolina Iglesias, Victoria Martín, Henar Álvarez, Perra de Satán, Esnórquel, Lorena Iglesias e David Pareja, entre outros
Henar Álvarez, Carolina Iglesias e Victoria Martín
NOVAS RELACIONADAS:
- Ábrese o prazo para presentar series ao VIII Carballo Interplay!
- 23 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do VIII Carballo Interplay
- O Interplay reunirá en Carballo aos Masters da internet de Galicia
6 de setembro de 2021 - A 8ª edición do Carballo Interplay traerá a Galicia, do 8 ao 11 de setembro, unha coidada selección do humor máis activista e disidente da Internet española. O Festival de Contidos Dixitais pon o foco sobre os proxectos que empregan a rede como unha ferramenta para mellorar o mundo e sobre aquelas propostas que se apoian no humor para abordar asuntos como as relacións de parella, a saúde mental, a loita contra o machismo ou polos dereitos do colectivo LGTBI. Un dos pratos fortes deste Interplay post-pandémico será o show que ofrecerán tres das cómicas máis relevantes do panorama estatal actual -Henar Álvarez, Carolina Iglesias e Victoria Martín- o venres 10 ás 22h no Pazo da Cultura de Carballo.
A guionista, cómica e comunicadora galega Carolina Iglesias aka Percebes y grelos (Oleiros, 1993) é unha vella coñecida do festival. Volve ao Interplay para "rajar" sobre o divino e sobre o humano coa súa compañeira e socia, a xornalista, guionista e colaboradora de televisión e radio Victoria Martín de la Cova aka Living Postureo (Madrid, 1989), despois de gañar o Premio a Mellor Serie con Válidas a pasada edición, na que tamén lle ofreceron ao público do festival un episodio especial do seu exitoso podcast Estirando el chicle. Acompañaralles neste show único -que se poderá ver ao vivo, previa retirada das entradas, e por streaming- unha das voces máis visibles e persoais da comedia actual, Henar Álvarez (Madrid, 1984), que actualmente presenta Buenismo bien (Cadena Ser), xunto a Quique Peinado e Manuel Burque, e que ten un longo percorrido como guionista e presentadora de radio e televisión: dirixiu un programa de radio con Leticia Dolera na Ser, escribiu crónicas feministas en El Confidencial, foi guionista de Hoy por hoy e presentadora dos programas de televisión Likes e Las que faltaban (Movistar +).
Volve o Código Fonte
Xusto antes, o mesmo venres día 10, outros dous todoterreos do humor intelixente, David Pareja e Lorena Iglesias, ofrecerán a súa particular visión da Pochosfera, un completo repaso polos momentos penosos da internet no que non faltarán bloopers de vídeos de ASMR, manosphera ou deepfakes de famosos derretidos.
E o día seguinte chegarán Esnórquel e Perra de Satán co seu podcast ¿Puedo hablar! onde cada semana analizan, co seu particular humor e sen censura, cuestións como a saúde mental, os seus corpos, a política, a cultura, o ligoteo, o sexo, a depresión... e moita televisión dos noventa. Esnórquel será, tamén, o encargado de ofrecer o seu Código Fonte Audiovisual, un percorrido por vídeos de youtube de alcance queer que marcaron a súa adolescencia na aldea e na universidade, de xeito paralelo ao seu crecemento como "maricón pintao".
Activismo na rede
Esnórquel e Perra de Satán
Internet parece un espazo onde agroman os comportamentos tóxicos, favorecidos por uns misteriosos algoritmos que multiplican o seu alcance entre unha sociedade debilitada e fácil de alporizar. A rede hai tempo que deixou de ser un espazo de utopías para albergar algunhas distopías con graves consecuencias do outro lado das pantallas. Nun espazo gobernado polos clics, os likes e a sobreexposición continua, hai espazo para os discursos disidentes? Como se combaten os discursos de odio? Cales son as claves para xerar espazos de seguridade? O Carballo Interplay falará sobre Activismo na rede con Pol Andiñach (Vilassar de Mar, 1991), coordinador do colectivo de xornalistas Cuellilargo e autor do libro Todo el mundo puede ser antifa. Manual práctico para destruir el fascismo (2021); con Laura Tabarés (León, 1991), membro do colectivo de produción cultural especializado en virtualidade e programas educativos con perspectiva feminista Ontologías Feministas; e con parte da colectividade millennial Proyecto UNA, que investigan sobre as guerras culturais de poder nos medios, Internet e a realidade analóxica.
E, sen perder de vista o papel do humor no activismo e na disidencia, o festival conversará de Humor, precariedade xeracional e ilustración coa viñetista, cómica e creativa Anastasia Bengoechea (Barcelona, 1982), Monstruo Espagueti; coa ilustradora e humorista Violeta Navas Ortega (Granada, 1994), La Prados; e coa viñetista Roberta Vázquez (Santiago de Compostela,1989), autora do cómico ¡Socorro! coa editorial Apa Apa.