Unha fin de semana en Carballo
Sábado
De tendas por Carballoiro ruta das Férvedas
Para coñecer Carballo has comezar coñecendo o seu espírito feirante, a súa dinámica vida comercial. Por iso che propomos percorrer de vagar o seu mercado e a súa nutrida rede de pequeno comercio. De paso irás transitando as rúas do corazón da vila e poderás aproveitar para coñecer os principais puntos de interese do noso roteiro urbano.
No Museo de Bergantiños, de visita gratuíta, atoparás tamén a oficina de turismo. E, se aínda tes tempo, podes aproveitar para pechar a mañá á beira do río Anllóns: até tres quilómetros de paseo fluvial, dende o núcleo urbano até bosques de carballos e vexetación de ribeira.
Praia de Razo-Baldaio
Suxerímosche, pola tarde, poñer rumbo ao noso litoral. Revitalizante resulta no verán pasar unha tarde de praia en Razo, areal aberto ao Atlántico e con todos os servizos, ou gozando da natureza a carón da lagoa de Baldaio (coa posibilidade de visitas guiadas polas propias mariscadoras), ou dalgunha das pequenas calas e areais máis íntimos que atoparás entre a Pedra do Sal e Caión. Podes aproveitar para facer todo ou parte do noso roteiro a pé á beira do noso litoral.
Domingo
Sendeiro da Ruta das Férvedas
En domingo de feira (o segundo, cuarto e, de habelo, quinto domingo do mes), non podes perder o bulicio da vila. Aconsellámosche recuperar folgos, ao igual que fan as e os carballeses, cunha boa tapiña de callos.
En caso de ser domingo de peche, suxerímosche varias actividades, segundo teñas ganas de acción, de contacto coa natureza ou de relax.
No primeiro dos casos, podes animarte cunha das diversas posibilidades de ocio activo que ofrece o concello: surf, roteiro a cabalo, golf, paintball, tiro con arco…
Se che apetece gozar da natureza, visitar as férvedas de Ramil e de Entrecruces, e coñecer así algo máis do noso interior, pode ser unha boa opción.
Mais se o corpo che pide descanso, unha estupenda maneira de relaxarte é deixándote mimar no noso balneario, o único mineiro-medicinal de toda a Costa da Morte. Alí atoparás diversidade de tratamentos hidrotermais e masaxes.