Xa está aquí o cartel do Rexenera Fest 2021!
O festival de arte pública volve encher as rúas de pinturas, brochas e pinceis con seis novos murais para Carballo: entre o 3 e o 13 de xuño
7 de maio de 2021 - O Rexenera Fest, o festival de arte pública de Carballo, cumpre sete anos máis vivo ca nunca. Despois de que en 2020 a sexta edición tivese que celebrarse no mes de xullo debido á pandemia da COVID-19, este ano volve recuperar o mes de xuño e a primavera, a súa época habitual, para encher unha vez máis as rúas de pinturas, brochas e pinceis. Así, seis artistas deixarán o seu selo noutros seis muros da localidade carballesa entre o xoves 3 e o domingo 13 de xuño.
En pouco máis de dez días, tanto os habitantes de Carballo como os visitantes poderán ver en directo como as e os creadores van transformando pouco a pouco o espazo urbano, enchendo de arte recunchos ocupados por medianeiras, paredes semi abandonadas ou espazos deteriorados pola expansión urbanística incontrolada. Ademais, está previsto que se celebren actividades paralelas durante todo o festival, de entre as que destacan as visitas guiadas nas que se van desvelando as claves de todos os traballos que se están desenvolvendo. En todo caso, todas as citas terán lugar respectando todas as medidas de seguridade relativas á prevención da COVID-19.
Artistas convidados
En canto ás e os artistas convidados a pintar este ano, veñen desde España (Madrid, Cataluña, Aragón, Andalucía e Galicia) e o toque internacional chega desde Arxentina. Aquí tedes os seus nomes:
- Marta Lapeña (Madrid)
- MØU (Galiza)
- Franco Fasoli (Arxentina)
- Ana Langeheldt (Andalucía)
- Harsa (Aragón)
- Van Vuu (Catalunya)
O festival
O Rexenera Fest, o Festival Internacional de Arte Pública de Carballo, é un evento anual que dentro do proxecto xeral Derrubando muros con pintura, reúne durante unha semana en primavera a varios artistas do mellor da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana.
Durante a celebración do festival, os e as artistas convidadas traballan de forma simultánea en diferentes localizacións e quen se achegue a Carballo ten a oportunidade de apreciar a habilidade e a destreza dos participantes e observar in situ o proceso artístico de cada obra, como vai evolucionando e os diferentes estilos artísticos das e dos creadores.