Carballo a un paso

Inicio // Que facer // Rutas // Roteiro urbano

Compartir:

Roteiro urbano

Este paseo polo núcleo urbano axudarache a coñecernos e coñecer mellor a nosa historia e a nosa evolución como vila e como comunidade

[ Duración: Dúas horas ]
[ Perfil: Roteiro urbano a pé ]


Propomos comezar o roteiro no Museo de Bergantiños, en pleno corazón da vila. Á beira está a igrexa parroquial de San Xoán e, case en fronte, a casa natal de Alfredo Brañas. Moi pretiño a Praza de Galicia, onde se cruzan os camiños a Fisterra, Compostela, Malpica e A Coruña.

Rúa Coruña

O roteiro levarate tamén polo Carballo feirante: o noso amplo mercado, onde atoparás os mellores produtos de Bergantiños e da Costa da Morte; a praza onde se celebra a nosa animada feira en domingos alternos e xoves, e as nosas rúas comerciais, cun dinámico pequeno comercio.

O paseo por Carballo é tamén unha reflexión sobre o noso tramado urbano e a súa evolución. A vila, ao igual que moitos outros núcleos galegos, foi afectada pola febre urbanística que provocou o medre desordenado na segunda metade do século XX. Carballo procurou palialo nos últimos anos humanizando e facendo peonís algunha das súas principais rúas.

O que probablemente pouca xente sabe é que entre os anos 20 e os 50 do século pasado, contabamos cunha ordenación urbanística exemplar. Nesas décadas iniciais do século XX construíronse dous fermosos edificios que serían destruídos nos setenta e que a xente máis vella recorda con saudade: a antiga igrexa e o primeiro edificio do concello. Aínda conservamos vestixios desa luminosa década dos 20 na Escola do Xardín e no local do Casino.

Un percorrido pola nosa vila non pode rematar sen camiñar á beira do Anllóns. As súas marxes foron recuperadas nos últimos anos para o paseo e o lecer. Hoxe en día, é un dos espazos preferidos das xentes de Carballo para camiñar e relaxarse.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica