Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Victoria Martín e Carolina Iglesias conquistan o...

Compartir:

Victoria Martín e Carolina Iglesias conquistan o palmarés do Carballo Interplay con Válidas

Antón Varela gaña o de Mellor serie en versión orixinal en galego e a produción portuguesa Subsolo conquista o de Mellor serie internacional

NOVAS RELACIONADAS:
Chega o festival de contidos dixitais Carballo Interplay: do 18 ao 21 de novembro!
Brays Efe, Living Postureo, Percebes y Grelos ou Lorena Iglesias: no VII Carballo Interplay
31 webseries de Europa e América compiten na sección oficial do VII Carballo Interplay
A evolución da crise sanitaria obriga ao Carballo Interplay a trasladar todas as actividades á rede

-
 A primeira edición 100% na túa casa do Carballo Interplay arrinca na rede coa webserie Xan

Victoria Martín e Carolina Iglesias en Válidas

Victoria Martín e Carolina Iglesias en Válidas

23 de novembro de 2020 - A sétima edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrou por primeira vez integramente en Internet, pechou o telón o sábado 21 de novembro pola noite coa gala de entrega de premios ás mellores webseries dun concurso pioneiro que xa é todo un referente e que este ano permitiu que o público puidese ver e votar as series finalistas da súa Sección Oficial a través da rede. Válidas, a serie na que Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos) -con dirección de Nacho Pérez-Pardo- fabulan a vida de dúas cómicas que fan todo o posible por conseguir notoriedade, conquistou tanto premio de Mellor webserie estatal como o Premio do Público.

O xurado composto por Brays Efe, Alfonso Zarauza, Fernanda Tabares, Guillermo V. Zapata  e Andrea Gumes outorgoulle á animación divulgativa de Antón Varela Os 20 do XX o premio de Mellor webserie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, e o de Mellor webserie internacional, dotado tamén con 800 euros e trofeo, foi para Subsolo, unha serie portuguesa que conta un día na vida de cinco adultos novos con Lisboa como pano de fondo, os seus problemas financeiros e dúbidas existenciais, situacións incómodas e íntimas.

Egoitz Diaz gañou o premio AGAG ao mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo, por Ixa, unha serie xuvenil composta por historias independentes en torno ao uso do tempo e aos non-lugares, gravada en formato vertical favorecer a visión no móbil e que nace co obxectivo de fomentar o uso do euskera entre a xente máis nova. E Alvaro Carmona conquistou o premio CREA á mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, pola segunda temporada de Gente Hablando, unha serie que trata temas universais a través de conversas cotiás entre dúas ou máis personaxes e que o ano pasado conquistara os premios do público e guión, tamén para Álvaro Carmona. O xurado tamén destacou o traballo nesta serie de Raúl Fernández de Pablo co Premio ao mellor actor. O premio á mellor actriz foi para a galega Anxela Ríos por Destapando Casares, un thriller transmedia que constrúe un clima de desconfianza arredor dos segredos das persoas que conviven na Universidade Carlos Casares. O xurado novo, composto por Laura Mendez, Antía Suárez e Jaime Regueiro decidiu outorgar o seu premio, dotado con 400 euros e trofeo, a Pikuak, unha serie en euskera sobre tres mulleres novas divertíndose e loitando xuntas.   

PREMIO AO MELLOR PROXECTO DE WEBSERIE EN GALEGO

Reunido en Carballo o xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez decidiu outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Cacola, un proxecto de webserie de animación 2D dixital de David Fidalgo, director, guionista, animador, director de arte e montador de varias curtas e videoclips de animación. Cunha estética cartoon con cores planas e animacións irreais, os capítulos de Cacola presentarán historias autoconclusivas duns 30 segundos cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica