Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O miradoiro de Vilela transfórmase nunha...

Compartir:

O miradoiro de Vilela transfórmase nunha experiencia interactiva

Unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia permite instalar unha mesa panorámica que funciona como un mini museo ao aire libre para visitantes

9 de novembro de 2020 - Carballo incorpora un novo recurso turístico á súa rede de miradoiros. Trátase dunha mesa panorámica que estará situada na parroquia de Vilela, xusto fronte ao impresionante espazo natural de Razo-Baldaio, e coa que os e as visitantes poderán coñecer todos os segredos da costa carballesa mentres a teñen diante. O obxectivo é o de facilitar o coñecemento do territorio e o aproveitamento do miradoiro, xa que as persoas que se acheguen ata este punto poderán interpretar, utilizando un smartphone, os recursos naturais e patrimoniais máis destacados da zona a través de textos e elementos multimedia incluíndo fotografías, audios e vídeos.

Toda a información estará dispoñible para os e as visitantes simplemente achegando á mesa o seu smartphone

O sistema tamén permitirá ao visitante realizar unha navegación dende o miradoiro ata o recurso que lle interese, compartir información, ver os recursos sobre un mapa, crear rutas... E todo iso en tres idiomas -galego, castelán e inglés- e dun xeito accesible. Así mesmo, o miradoiro contará cunha completa ficha Web, desde a que o usuario poderá gozar dunha experiencia inmersiva a través dunha imaxe 360 interactiva, accedendo a contidos multimedia dos recursos da contorna coma se estivese neses lugares. Todo o sistema funcionará como un mini museo ao aire libre.

Rede de miradoiros iViewpoint

O acceso á información realizarase a través de antenas NFC que, integradas no mesa, permiten a obtención da información con só achegar o dispositivo móbil ao panel. Isto representa un elemento de accesibilidade importante, xa que facilita o acceso á información por proximidade, sen necesidade de introducir ningún tipo de información ou abrir aplicacións específicas (lector QR, etc…). Unha vez instalada a mesa, o miradoiro darase de alta na rede de miradoiros iViewpoint, proxecto que conta co apoio do Ministerio de Cultura e que ten como obxectivo xeral a creación dunha rede de miradoiros tecnolóxicos musealizados, favorecendo a súa promoción a través de Internet e das redes sociais mediante experiencias interactivas e
inmersivas.

O proxecto é posible grazas á Axencia de Turismo de Galicia que concedeu unha subvención de 4.679,67 euros sobre un custo total de 7.199 euros. Está previsto que a instalación dos recursos estea lista ao longo desta semana.


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica