Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A evolución da crise sanitaria obriga ao Carballo...

Compartir:

A evolución da crise sanitaria obriga ao Carballo Interplay a trasladar todas as actividades á rede

O festival, que se celebra do 18 ao 21 de novembro, ofrecerá todos os seus contidos en streaming para que podas velos dende o sofá da túa casa!

O VII Carballo Interplay aproveitará a súa primeira edición cen por cen dixital para analizar como as tecnoloxías emerxentes transforman festivais e espazos físicos en contidos multipantalla, da man dos profesionais máis reputados deste eido en Galicia. Carlos Seijo (Maxina) e Toño Cabanelas (Liveforevr) detallarán as posibilidades creativas dos efectos dixitais, da realidade virtual e mixta ou da intelixencia artifical e Jorge Boquete ofrecerá un obradoiro sobre a emisión semiprofesional de contidos audiovisuais por streaming. A directora do festival, Sonia Méndez, falará con Ana Domínguez (S8) e con Ángel Sánchez (Play Doc) sobre a adaptación dos festivais audiovisuais á distancia social na primeira edición en liña do evento carballés, que se celebrará do 18 ao 21 de novembro.

NOVAS RELACIONADAS:
Chega o festival de contidos dixitais Carballo Interplay: do 18 ao 21 de novembro!
Brays Efe, Living Postureo, Percebes y Grelos ou Lorena Iglesias: no VII Carballo Interplay
31 webseries de Europa e América compiten na sección oficial do VII Carballo Interplay

Ana Domínguez de S8

Ana Domínguez de S8

9 de novembro de 2020 - A distancia social imposta pola pandemia obrigou á maioría de festivais de cine e audiovisual a reiventarse este 2020. Ou, cando menos, a expandir o seu alcance na rede máis alá da presenza física. O Carballo Interplay non é unha excepción. Despois de adiar a súa VII edición, prevista para a primavera, como consecuencia da chegada da primeira onda da Covid, a organización do festival deseñou unha versión "híbrida" para os días 18, 19, 20 e 21 de novembro co obxectivo de complementar as retransmisións vía streaming con actividades presenciais, con aforos reducidos e observando todas as medidas dictadas polas autoridades sanitarias, que finalmente tampouco poderá ser.

"A propia realidade obrigounos a trasladarnos a esta época de pandemia", di o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, "e a cumprir con todas as normativas sanitarias en cada momento". "A cultura é segura", afirma a directora do Carballo Interplay, Sonia Méndez, "dende a organización do festival non temos dúbida ningunha ao respecto, pero a evolución da crise sanitaria e as restricións de movemento dictadas polos distintos gobernos autonómicos ao longo dos últimos días para afrontar esta segunda onda da Covid obríganos a repensar a conveniencia de manter as actividades presenciais nestas condicións". "O Carballo Interplay é un festival de contidos dixitais", recorda, "vimos da Internet e este ano imos ter que volver á rede, para coidar, para coidarnos e para demostrar que a esencia do festival non reside en nada máis que en compartir creatividade e amor dixital, ben sexa en persoa ou a través das plataformas".

Online a través de Youtube, Facebook e Twitch

Carlos Seijo de Maxina

Carlos Seijo de Maxina

Todas as actividades do festival poderán verse de xeito libre e gratuíto a través de varias plataformas (Youtube, Facebook e Twitch), o programa está dispoñible na web do Interplay. A organización do festival quere aproveitar a ocasión para analizar como as tecnoloxías poden transformar espazos físicos en espazos virtuais, axudándonos a adaptar eventos e a construír ou reconstruír novos mundos. Para facelo, o Interplay volve a mirada cara ás posibilidades creativas que ofrecen os efectos dixitais, a realidade virtual e mixta ou a intelixencia artifical, tanto para a industria audiovisual como para a arte ou o patrimonio cultural. Os especialistas Carlos Seijo (Maxina) e Toño Cabanelas (Liveforevr) explicarán como en tempos de distancia social, nos que as interaccións están máis que nunca mediadas pola pantalla, as tecnoloxías emerxen para crear novos mundos pero tamén para achegarnos doutro xeito aos mundos que xa coñecemos, nunha actividade que conta coa colaboración da Asociación Galega de Proferionais da Dirección e da Realización (CREA).

Desde a transformación de San Juan de Gaztelugatxe en Rocadragón ata a resurrección de Salvador Dalí ou a asistencia virtual a eventos, Carlos Seijo falará no Carballo Interplay de tecnoloxías emerxentes como o deepfake ou a realidade virtual e mixta, ao tempo que nos presentará varios dos proxectos que creou á fronte do estudio Maxina. Toño Cabanelas, pola súa banda, presentará o fanzine inmersivo e distópico Liveforevr, que recolle patrimonio cultural en XR (Realidade Extendida) da man dun grupo de creadores e curadores de contidos 3D sobre música, fotografía, cinema, videoxogos e arte. O seu obxectivo é darlle resposta a unha nova xeración de creadores e audiencias que demandan novos medios de expresión dixitais audiovisuais: inmersivos, aumentados, interactivos e accesibles.

Os festivais audiovisuais adáptanse á distancia social

A directora do Carballo Interplay, Sonia Méndez, falará con Ana Domínguez (directora do S8) e Ángel Sánchez (director do Play Doc) sobre as fórmulas aplicadas polos festivais audiovisuais galegos no contexto da pandemia do Coronavirus, como a colaboración con plataformas de streaming, a creación de contidos específicos para a rede ou o deseño de actividades para a súa produción e retransmisión online. Estas novas propostas son conxunturais ou viñeron para quedar? Cara a onde camiña o futuro destes eventos? Que novos formatos de festivais visualizamos para os vindeiros anos? Que aprendemos da experiencia deste ano? Esta conversa, que se poderá ver en streaming, coma o resto das actividades do festival, está organizada en colaboración coa Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (Proxecta).

FormaCIP en tempos de Coronavirus

O Carballo Interplay adaptou o seu programa formativo á situación actual e na semana do festival ofrecerá un obradoiro sobre Como emitir en streaming sen morrer no intento, impartido por Jorge Boquete. O curso, de 12h horas de duración, custa 25€ e poden asistir un máximo de 12 persoas, que aprenderán as claves para emitir contidos audiovisuais por streaming de xeito semiprofesional. As persoas interesadas poden consultar o programa completo e os requisitos técnicos na web do Carballo Interplay, onde tamén poderán formalizar a inscrición.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica