31 webseries de Europa e América compiten na sección oficial do VII Carballo Interplay
Do 18 ao 21 de novembro veranse propostas de Arxentina, Uruguai, Chile, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Austria, Francia, Portugal e España
31 webseries de Europa e América compiten na sección oficial do VII Carballo Interplay. O festival celebrará do 18 ao 21 de novembro unha VII edición "híbrida" que ofrecerá unha coidada selección de propostas de Arxentina, Uruguai, Chile, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Austria, Francia e Portugal, ademais de Galicia, Cataluña, Euskadi e do resto de España.
NOVAS RELACIONADAS:
- Chega o festival de contidos dixitais Carballo Interplay: do 18 ao 21 de novembro!
- Brays Efe, Living Postureo, Percebes y Grelos ou Lorena Iglesias: no VII Carballo Interplay
![Fotograma de Válidas, webserie a concurso no festival Fotograma de Válidas, webserie a concurso no festival](media/../media/img/validas_web.png)
Fotograma de Válidas, webserie a concurso no festival
4 de novembro de 2020 - 31 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da sétima edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 18, 19, 20 e 21 de novembro atendendo ás restricións dictadas polas autoridades sanitarias, e que repartirá máis de 5.500 euros en premios. A organización do festival elixiu, entre as propostas chegadas de todo o mundo, un total de 7 series galegas e en galego, 10 do resto de España e 14 do resto do mundo. Cada un destes bloques competirá por cadanseu premio de 800 euros, que decidirá o xurado do festival, composto por Brays Efe, Alfonso Zarauza, Fernanda Tabarés, Guillermo V. Zapata e Andrea Gumes.
Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400 euros e un xurado novo composto por Laura Méndez, Antía Suárez e Jaime Regueiro entregará outro premio de 400 euros. A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) patrocina un premio ao mellor guión dotado con 200 euros e a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA), un un premio á mellor dirección dotado, tamén, con 200 euros. Finalmente, entregaranse os galardóns á mellor actriz e ao mellor actor.
Humor e comedia
![Fernanda Tabarés, integrante do xurado Fernanda Tabarés, integrante do xurado](media/../media/img/tabares_web.jpg)
Fernanda Tabarés, integrante do xurado
Entre as webseries internacionais que se poderán ver no VII Carballo Interplay hai propostas de Arxentina, Uruguai, Chile, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Austria, Francia e Portugal. A maioría das series son en español (13) e galego (7), pero tamén se escoitarán historias en inglés (3), francés (3), alemán (2), portugués (2), euskera (2) e catalán. O Carballo Interplay ofrecerá, así, unha completa panorámica do que se está cocendo no mundo das webseries a nivel global. Atendendo a esta panorámica, a comedia segue sendo a fórmula preferida polas creadoras e os creadores dixitais para contar as historias máis diversas, dende o entretemento sen pretensións á comedia negra con transfondo social. 18 das 31 webseries finalistas empregan o humor e a porcentaxe mantense no total das propostas recibidas.
O público deste VII Carballo Interplay poderá ver varias parodias dun sector audiovisual que se ri de si mesmo e das peripecias que deben atravesar as e os artistas para chegar a conectar co seu público (e para gañar cartos facéndoo!), varias comedias xeracionais, frescas e sen complexos, protagonizadas por mulleres e varias comedias con trasfondo social e/ou con vontade divulgativa. Tamén hai humor repunante, humor negro, humor absurdo e humor triste e viral. E, por suposto, proxectos que atravesan os límites dos xéneros para crear mesturas como a comedia zombie, a crítica cinematográfica gore (e divertida) ou a ficción cómica ao servizo da promoción turística.
Varios dos proxectos finalistas nesta VII edición do concurso de webseries decano de España empregan, de feito, a creatividade audiovisual dixital como unha fórmula para a divulgación histórica, patrimonial, turística ou de saúde sexual e reprodutiva. Trátase de propostas producidas ou respaldadas por entidades públicas que empregan as fórmulas propias das webseries para conquistar públicos máis novos e diversos. Tamén hai thriller, terror, drama e varias historias con trasfondo social ou que usan a autoficción como ferramenta para falar do trauma social e íntimo do exilio e da emigración.
Gala de clausura en streaming
Os nomes das webseries gañadoras coñecerase, como cada ano, na Gala de clausura do festival, que se emitirá por streaming e que adapta a súa temática á actualidade, reflexionando sobre esta nova forma de relacionarnos entre os seres humanos que xurde durante a pandemia. O mestre de cerimonias será o actor e presentador Xosé Barato, que -baixo a dirección de Sandra Lesta- encarnará a Xoan Manoel Esparís, divulgador das claves do Amor en Dixital.
Toda a info ao día en www.carballointerplay.com e nas redes sociais do festival:
FACEBOOK - https://www.facebook.com/carballointerplay
TWITTER - @InterplayFest
INSTAGRAM - @carballointerplay