Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Chega o festival de contidos dixitais Carballo...

Compartir:

Chega o festival de contidos dixitais Carballo Interplay: do 18 ao 21 de novembro!

O programa mestura citas virtuais e presenciais, entre as que está un concerto do grupo galego Verto, ao vivo e por streaming

Verto son Alberto Mira e Fernando Peleteiro

Verto son Alberto Mira e Fernando Peleteiro

O Carballo Interplay cumpre este complicado 2020 sete anos de vida, convertido no festival de contidos dixitais máis importante do Estado e sen descoidar o seu compromiso coa cultura do país. Un concerto e unha entrevista co grupo revelación na escena musical galega, Verto, que poderán gozar ao vivo unha cantidade limitada de persoas  -atentendo ás restricións sanitarias- pero que moitas máis persoas poderán ver tamén en streaming, serán dous dos pratos fortes deste Carballo Interplay "híbrido". Verto son dous estudantes de medicina -Alberto Mira e Fernando Peleteiro- que en menos dun ano conseguiron converter o seu proxecto musical pop divertido e desenfadado nun referente para a mocidade do país.

Aínda que o seu público se concentra na rede, o punto de inflexión da súa exitosa carreira foi a estrea do hit Oie Gayego no Luar da Televisión de Galicia. Ademais do concerto e da entrevista con estes novísimos creadores, o festival tamén ofrecerá, en directo e a través da rede, un menú degustación dos mellores podcast galegos, seleccionados por Isaac González, e un percorrido polas etapas e xeracións do Youtube galego, da man de Miguel Silva Conde (aquel-e).

Webseries en versión orixinal galega

O programa tamén inclúe un percorrido a través da rede polas etapas e xeracións do Youtube galego con aquel-e

Dende o seu nacemento, unha das inquedanzas fundamentais do festival foi xerar espazos e sinerxias que favorecesen a creación de novos contidos audiovisuais para a rede feitos en lingua galega. Hai catro anos, o Interplay subiu a aposta e creou o Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega para incentivar de forma máis activa a creación de contidos en galego adaptados ás novas formas de consumo. Grazas a esta convocatoria, viron a luz series tan coñecidas e recoñecidas como Peter BrandonHai vida en Bran? e Sígueme e verana en menos dun mes as gañadoras da pasada edición -Amnesia 3.0 e Xan- que se estrearán no festival.

Amnesia

Amnesia 3.0 é unha serie futurista escrita e dirixida por Irene Pin, producida por Natalia Porca e Cristela Torres e protagonizada por Daniel Celester, Sara Ferro, Vanessa Dorrei, Monti Castiñeiras e Duarte Galbán, coa participación especial de Isabel Naveira e Sabela Arán. Definida polas súas creadoras como "unha macroprodución con micropresuposto", Amnesia 3.0 demostra que se pode facer ciencia ficción sen grandes efectos especiais, con historias universais contadas desde aquí. Un software implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo cada noite, así as persoas poden desenvolver as súas funcións dentro do sistema na engrenaxe perfecta, sen pensar nin preguntarse. Porén, hai quen sobrevive na marxe. Son excluídxs, habitantes das Estremas.

Xan é a historia dun peculiar millenial non emite ningunha palabra. Unha webserie cómica cun certo ton surrealista codirixida por Lucía Estévez e Miguel Canalejo, quen tamén a protagoniza. Xan non fala, pero é quen de analizar todo o que acontece ao seu redor. Fai unha vida bastante normal, ten colegas cos que pasa as tardiñas, come xeados e le banda deseñada, pero sempre hai algo que desestabiliza o equilibrio natural da súa existencia. Ás veces son intrincados dilemas morais ou inxustizas que non pode aturar. Outras veces é un tema de trap que o arrastra dentro dun videoclip en formato 4:3. Calquera cousa pode acontecer no seu mundo. Calquera cousa, menos a súa propia voz.

Premio

O Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega chega á súa quinta edición cunha xeitosa colleita de proxectos, entre os que un xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez elixirá a webserie gañadora. Entre as finalistas hai unha proposta de animación, unha miniserie documental e dúas ficcións, unha dramática e outra cómica.

+info sobre a séptima edición do Carballo Interplay en www.carballointerplay.com


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atlántica