Carballo a un paso

Inicio // Que facer // Rutas // A ruta das férvedas

Compartir:

A ruta das férvedas

Adéntrate até o interior de Carballo até sentir a forza da auga caendo a cachón nas férvedas de Rus e de Entrecruces.

[ Duración: 8 horas ]
[ Perfil: Roteiro a pé, en bicicleta ou a cabalo ]
[Mapa online:  https://goo.gl/Dt1vpo ]

As férvedas de Ramil-Rus e de San Paio-Entrecruces saltan sobre o desnivel no terreo provocado pola Depresión Meridiana. Esta falla, que se percibe no terreo como unha ampla fondeira, é un dos fenómenos xeolóxicos máis importantes de Galicia. Atravésaa dende o litoral de Carballo até Tui.

Sendeiro da Ruta das Férvedas

Sendeiro da Ruta das Férvedas

O roteiro das férvedas (PRG-142) comeza na Brea, lugar ás aforas de Carballo coñecido polo bo facer das súas panadeiras e panadeiros, e remata xunto á férveda de Entrecruces, onde o río Outón se precipita ao baleiro dende máis de 40 metros de altitude. Esta ruta transcorre polo Carballo máis descoñecido: o seu interior. Montes e vales fían a paisaxe. Adéntrate polas corredoiras nos máis segredos recunchos da Depresión Meridiana, que separa as terras altas e baixas das parroquias de Rus e de Entrecruces. Antigos sendeiros, aínda coñecidos como camiños reais, guiarante até fermosos tramos de vexetación autóctona e de ribeira.

A fervenza de San Paio

A fervenza de San Paio

Este roteiro conducirate até dúas das construcións patrimoniais máis antigas do concello.

Por unha das súas variantes chegarás até o pazo barroco de Vilar de Francos, cuxa torre foi levantada no século XVI. Ao final do camiño, atoparás a igrexa de San Paio de Entrecruces, cunha bóveda de cruzaría gótica que tamén nos remonta ao medievo.

Na liña dos fértiles vales que se estenden polo fondo da Depresión Meridiana encontrarás as igrexas barrocas de Ardaña, Entrecruces e a de Santa María de Rus, a máis importante do concello dende o punto de vista artístico.

Se decides subir ao alto da Peniqueira, fíxate na elevación de monte que aparece fortificada á túa esquerda: delata un antigo castro. Moi pretiño, atoparás dúas mámoas.


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica