A arte urbana de Carballo convértese en obra de teatro
Os murais e o FIOT, Festival Outono de Teatro, únense este ano a través dunha obra na que os nosos grafitis constitúen a escenografía da peza
Presentación de "A lúa válvula de spray" no mural Trasherpillar | 📷 Turismo Carballo
Arte e teatro van da man este outono en Carballo grazas á unión entre Derrubando Muros con Pintura e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) que se celebra cada ano na localidade e polo que en 2019 pasaron 16.000 persoas. Este ano variou o formato por mor da pandemia, pero segue coa vontade de prestar atención ás propostas de vangarda como esta peza, titulada A lúa, válvula de spray, na que os murais de Carballo convértense na escenografía da obra e na que os espectadores camiñan pola rúa para irse atopando coa maxia do teatro.
A peza é unha ficción sonora que se arrisca coa investigación escénica para crear teatro de vangarda, ligado aos grafitis, pero tamén á rúa, á arte, á interpretación… Conxuga as artes escénicas co espazo urbano e explora novos formatos e as posibilidades que ofrecen as ferramentas tecnolóxicas grazas á colaboración de o LIDISS (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sustentable), que coproduce a obra xunto co FIOT. Para poder gozala, hai que reservar entrada por Whatsapp no número 604 008 235, descargar a aplicación Carballo a un paso (dispoñible xa en Google Play e proximamente no Apple Store) e acudir á hora da sesión (os horarios poden consultarse aquí: https://fiot.gal/programa/a-lua-valvula-de-spray/)
A autora: unha escritora de Carballo
Rosalía Fernández Rial no mural de Pichiavo
A proposta está dirixida por Quico Cadaval, con espazo sonoro de Marcos PTT Carballido, está interpretada por Melania Cruz, Santi Romay e Maria Roja e a autora é a carballesa Rosalía Fernández Rial, unha escritora multidisciplinar que resume a proposta en dez palabras: “Arte, hip hop, danza urbana, rúas, amor, asfalto, cidade, amizade, traizón, ficción”. Na obra hai tres personaxes Leo, María e Sara, que teñen unha relación entre eles. Segundo Fernández-Rial é “amorosa e conflitiva ao mesmo tempo. Un triángulo que se produce entre este tres personaxes e que vai dar lugar a certos cambios e misterios que só se poderán saber se vén a percorrer a peza”.
A autora resalta tamén que “para o espectador ou espectadora isto vai ser unha experiencia nova e diferente, porque dalgunha maneira vai estar percorrendo a propia escenografía, que van ser as rúas e os murais de Carballo”. Irá acompañado sempre por unha aplicación móbil, “co cal levará en realidade aos actores e ás actrices, aos personaxes, no seu propio peto”.
Algúns dos murais que constitúen a escenografía da obra son:
Esconxuro contra o amo – Milu Correch
Trasherpillar – Bordalo II
Vergoña (“Vergüenza”) – Sekone
Sen título – Pichiavo
Morriña (“Nostalgia”) – Hyuro
Sen título – SATR
Fronte ao océano – Millo
Tribu humana – Jorit
O silencio no medio da tormenta – Isaac Mahow
+info en www.fiot.gal