Carballo a un paso

Inicio // Artigos // FIOT en pausa: teatro de calidade entre o 9 e o...

Compartir:

FIOT en pausa: teatro de calidade entre o 9 e o 18 de outubro

O Festival Internacional Outono de Teatro non celebra a súa 29 edición, pero mantén o compromiso coas artes escénicas cunha programación alternativa

FIOT en pausa


"Ás veces, para continuar, cómpre facer unha parada, coller folgos e reiniciar". Así describe o director do FIOT e presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, a situación do Festival Internacional Outono de Teatro, que non celebrará a súa 29 edición este 2020. A incerteza provocada polo contexto sanitario, a redución de butacas nos recintos culturais e a dificultade de financiación impiden a celebración do festival, pero non impiden que ofreza unha programación escénica de calidade entre o venres 9 e o domingo 18 de outubro para manter a súa aposta polo tecido cultural e o seu compromiso coas compañías e co público.

O programa inclúe algúns dos traballos máis destacados e laureados da tempada escénica. Pezas como Curva España, de Chévere (sábado 10), A lingua das bolboretas, recentemente estreada en Ourense (luns 12), Liberto, que opta a 7 galardóns nos Premios María Casares (sábado 17), ou Prostitución, que conta no seu reparto con Carmen Machi e Nathalie Poza (domingo 18), representaranse no Pazo de Cultura de Carballo. Trátase "dunha pequena selección de pezas que, a ollos do público, gardan de seu a esencia do noso FIOT”, engade Alberto Sueiro. o director de Telón e Aparte, asociación organizadora do evento. FIOT en pausa manten, ademais, o espírito de aposta pola creación escénica galega do festival e ofrecerá ao longo de dez xornadas diferentes estreas absolutas e funcións de compañías e creadores da terra. É o caso de propostas de formato non convencional como A xente 2.0, unha creación de María Vázquez e Víctor Duplá (venres 16), ou Live, unha performance dunha actriz galega que se agocha detrás da personaxe Emma Santos (sábado 10).

O FIOT e a arte urbana: FIOT Fónico

Unha das singularidades máis salientables deste FIOT en pausa é a estrea absoluta dunha ficción sonora coproducida por FIOT e LIDISS (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sostible) na que a escenografía é unha selección da arte urbana que se atopa en Carballo. A lúa, válvula de spray, será a primera das creacións do FIOT Fónico, un proxecto que nace con vocación de continuidade e que pretende explorar novos formatos e as posibilidades que ofrecen ferramentas tecnolóxicas innovadoras para achegar experiencias teatrais singulares na comarca

A lúa, valvula de spray, é unha creación da artista multidisciplinar carballesa Rosalía Fernández Rial, na que a contorna é desencadeante dunha ficción teatral. Dirixida por Quico Cadaval, a obra, que se estreará o 9 de outubro, é un espectáculo itinerante que se pode percorrer na localidade a través de seis escenarios ou murais que se atopan nas fachadas de Carballo. A peza poderase escoitar desde os dispositivos móbiles previa descarga dunha aplicación

Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado (M2)

Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado

Este ano mantense tamén o apoio ás pezas de nova creación coa celebración dunha nova edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado (M2) con seis espectáculos de nova creación, dos cales cinco serán estreas absolutas. Espazos como o Salón de Plenos da Casa do Concello, a Ludoteca Municipal, o Casino 1889, a Biblioteca Rego da Balsa ou as aulas do Pazo da Cultura acollerán propostas da cuarta edición do certame, que inclúe pezas de creadoras como Iria Pinheiro, Helena Salgueiro ou Ana Abad de Larriva, entre outras, e das que se poderán gozar os días 10, 11 e 17 de outubro.

Este apoio á creación local, ademais, reforzarase cun proxecto paralelo de artes plásticas nomeado Pandemia. Novos retos. Durante este ano a Concellaría de Cultura lanzou un desafío a un colectivo de artistas profesionais e amadores da comarca, de traxectorias e modalidades artísticas diversas, co obxectivo de dar a coñecer a visión das autoras e autores sobre o momento que estamos a vivir. Os case 20 participantes crearon obras plásticas cun nexo común e o seu resultado poderase ver nunha mostra colectiva que acollerá o Pazo da Cultura a partir do 7 de outubro.

ENTRADAS

A limitación da capacidade dos recintos culturais por prevención da COVID-19 supón tamén unha redución no número de entradas dispoñibles para as funcións deste FIOT en pausa. Nos vindeiros días tanto a Asociación Cultural Telón e Aparte como o Concello de Carballo informarán con máis detalle sobre o proceso de obtención dos billetes de acceso aos espectáculos, e lembran que as pezas do Metro Cadrado son de acceso gratuíto, previa reserva no correo <fiot.microteatroentrada@gmail.com>.

FIOT en pausa


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica