Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Un arroaz de plástico reciclado navega na Pedra...

Compartir:

Un arroaz de plástico reciclado navega na Pedra do Sal

A escultura, realizada no marco do programa Eu ❤️ Razo-Baldaio, quere ser un símbolo para concienciar contra a contaminación do mar

Arroaz de Pedra do Sal

Arroaz de Pedra do Sal | 📷 Concello de Carballo

Dende primeiros de agosto a praia carballesa de Pedra do Sal conta cun novo inquilino, un arroaz de plástico reciclado que pretende ser un símbolo contra a contaminación do mar, un gravísimo problema medioambiental que segue a danar o noso planeta. O artesán carballés Fabián Lage foi o encargado de construír a escultura, unha estrutura de ferro con forma de golfiño recuberta cos fíos de plástico realizados polos usuarios e usuarias de Aspaber e que se encargaron de tecer as mans voluntarias de moitos veciños e veciñas dirixidos por Inés Rodríguez, artesá especializada en tecidos. No proceso de creación da escultura empregáronse 300 botellas de auga e un colector de papel para a onda sobre a que surfea o arroaz.

No proceso de creación da escultura empregáronse 300 botellas de auga e un colector de papel reciclado para a onda

Esta obra forma parte da iniciativa Eu ❤️ Razo-Baldaio, un programa de actividades que se desenvolven na costa carballesa durante todo o verán e que pretende crear hábitos de turismo consciente no noso litoral. No marco deste mesmo programa, o ano pasado instalouse unha píllara de vimbio na praia de Razo como símbolo do turismo sustentable e para favorecer a protección deste paxariño autóctono que adoita criar en espazos dunares. Na súa construción tamén colaborou Fabián Lage que sinala que “a idea é concienciar, a ver se pouquiño a pouco podemos eliminar o plástico do mar, porque este é o legado que lles deixamos aos nosos fillos”.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica