Carballo a un paso

Inicio // Artigos // O Rexenera Fest enche de cores o verán de Carballo

Compartir:

O Rexenera Fest enche de cores o verán de Carballo

O festival internacional de arte pública celebrarase entre o 16 e o 26 de xullo con 5 artistas de Madrid, Cataluña, Galicia e Euskadi

Rexenera Fest 2020

Carballo volve a acoller o Rexenera Fest! O festival de arte pública celebrará a súa sexta edición entre o xoves 16 e o domingo 26 de xullo de 2020 con cinco artistas convidados. A cita adoita celebrarse todos os anos a finais do mes de maio, pero a pandemia da COVID-19 obrigou a aprazar o festival que sempre invade Carballo coas brochas, sprays e pinceis e chea de cor os muros da localidade. Finalmente o Rexenera poderá celebrarse con todas as medidas de seguridade e prevención que esixe a situación sanitaria.

E aínda que, precisamente debido á situación sanitaria, estaba previsto que o festival consistira exclusivamente en pintar cinco murais de grande formato, finalmente celebraranse algunhas actividades paralelas como visitas guiadas -para grupos moi reducidos en aras da seguridade- para ver a evolución dos murais día a día; directos en Instagram que permitirán ver conversas cos artistas; ou xogos para cativos e cativas e tamén para adultos que servirán para coñecer mellor a arte urbana e as xa máis de 75 obras de Carballo dunha forma lúdica.


Os artistas e as localizacións

Xoana Almar

  • Xoana Almar (Galicia): Rúa Salgueiro, 5. Xoana formouse como ilustradora, economista e antropóloga. Estudou en Granada e é alí onde comeza a traballar no eido da pintura a partir do 2008. No 2013 volve a Galicia e constitúe xunto a Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa Cestola na Cachola, onde traballa como muralista, pintora e ilustradora. No seu traballo hai influencias de artistas clásicos/as da pintura galega e doutros actuais, especialmente relacionados co mundo da ilustración e o muralismo. A través das súas personaxes, maioritariamente femininas, sobresae unha busca de formas sinxelas coas que tenta expresar unha personalidade ou historia de vida. 

Sabek

  • Sabek (Madrid): Rúa Bos Aires, 23. Sabek comeza a súa andaina intervindo nas rúas e recunchos abandonados dos arredores de Madrid, onde desenvolve o seu particular estilo nos primeiros anos 2000. Co paso do tempo evoluciona cara a creación de obras máis figurativas e comeza a experimentar con diferentes técnicas ademais do seu traballo nas rúas.  O seu estilo recoñécese pola representación  das formas e cores que aluden á orixe natural, especialmente a través daqueles animais nobres e poderosos que infunden unha forte sensación de respecto. A súa obra propón unha reflexión ao redor do ser humano e a súa relación coa natureza, a representación animal amosa a alegoría entre o equilibro natural e as enerxías nela implícitas mediante formas minimalistas vexetais e humanas.  O seu traballo pódese atopar en galerías de España, Francia ou Estados Unidos, así como en monumentais muros ao redor do mundo (EE.UU., Francia, España, Malaisia, Rusia ou Nova Zelandia). 

Elisa Capdevila

  • Elisa Capdevila (Cataluña): Rúa Venezuela, 24. A súa carreira artística comezou en 2014 estudando pintura e debuxo na escola tradicional de Barcelona. Nesa época pinta os seus primeiros murais, ao comezo como un simple exercicio onde o lenzo foi substituído por unha parede, pero co tempo dáse conta das posibilidades da arte urbana e decide enfocar o seu traballo a proxectos a unha meirande escala. Dende 2017 traballa activamente en festivais de arte urbana e desenvolvendo grandes murais tanto a nivel nacional como internacional, sen deixar de lado o traballo de estudo en lenzo.


Reskate

  • Reskate Studio (Cataluña e Euskadi): Rúa Santa Ana, 10. Reskate é un colectivo artístico formado por María López e Javier de Riba, artistas visuais de Donostia e Barcelona respectivamente. O seu taller e estudo está situado no barrio de Sants de Barcelona. Influenciados pola pintura clásica de letreiros, a cultura popular e polo deseño gráfico, o seu traballo inclúe murais, ilustracións, exposicións e instalacións. Nos seus murais presentan obras que conectan co espazo que os rodea, representando historias e feitos da cultura local.


Sokram

  • Sokram (Galicia): Avenida da Milagrosa, 71. Sokram é un creativo multidisciplinar; ilustración, muralismo e tamén a música centran a súa principal actividade, ademais da faceta como curador e organizador de varios festivais de arte urbana dende Mutante Creativo. Algúns exemplos son DesOrdes Creativas ou o propio Rexenera Fest. O seu traballo no espazo público varía en canto a mensaxe, contido e forma segundo o emprazamento, sempre coa intención de xogar co entorno no que se sitúa a peza, aproveitando as formas da propia parede, obxecto ou edificio para realzar a composición final. O seu traballo visual posúe un forte compoñente social, crítico ou sarcástico. Nos seus discursos destaca o gusto pola ironía e os dobres sentidos no tratamento dos temas escollidos. O seu particular estilo bebe do graffiti, do cómic underground americano, da ilustración Lowbro contemporánea e do deseño gráfico, mesturando unha liña firme e contundente con volume e elementos vectoriais que se sustentan baixo unha ampla gama cromática e rica en matices. 

Actividades paralelas

  • XOGO DE PESCUDAS PARA FAMILIAS: de balde con inscrición previa.
A través deste xogo, adultos e pequenos compartirán momentos de diversión á vez que coñecen máis da arte urbana de Carballo e ven a localidade con outros ollos.

DATAS: do 16 ao 26 de xullo.
LUGAR: recollida de pistas no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8).
INSCRICIÓNS E +INFO: en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.
PARA TODOS OS PÚBLICOS
PREMIOS PARA OS PARTICIPANTES QUE REMATEN O XOGO

  • BUSCANDO OURO: de balde con inscrición previa.
Con este xogo de pistas, a modo dunha peculiar busca do tesouro, os/as participantes terán que mergullarse de cheo na arte urbana esparexida polas rúas de carballo,  resolver as pescudas que se lle vaian dando e descifrar as incógnitas inxeridas nos propios murais para poder chegar á meta e  atopar o ansiado ouro.

DATA: 24 de xullo.
HORARIOS: de 19.00 a 21.00 h.
LUGAR: recollida da primeira pista no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8). INSCRICIÓNS E +INFO: en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.
PREMIOS: Serigrafías de edición limitada e pack de merchandising para os 3 primeiros en finalizar a busca.
PARA MAIORES DE 14 ANOS

  • VISITAS GUIADAS: de balde con inscrición previa.
Durante a celebración do festival está previsto o desenvolvemento de visitas guiadas para que as persoas interesadas poidan ir vendo a evolución dos murais mentres os artistas os están pintando.   DATAS: do 16 ao 26 de xullo.

HORARIOS: de 11.00 a 12.00 h. pola mañá; de 20.00 a 21.00 h. pola tarde.

PRAZAS: grupos dun máximo de 10 persoas.

LUGAR DE SAÍDA: Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 8).

INSCRICIÓNS E +INFO: en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.

PARA TODOS OS PÚBLICOS

  • CONVERSAS COS ARTISTAS POR INSTAGRAM
O festival ofrecerá a posibilidade de ver conversas cos artistas convidados. Farase a través de directos en Instagram.

DATAS E HORARIOS:Publicaranse durante o festival nas redes sociais do Rexenera Fest:


Descargas

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica