En marcha o FIOT co IV Certame de micro-escenas M²
O Festival Internacional Outono de Teatro comeza a prepararse con esta iniciativa que apoia a creación escénica de novos formatos
Unha das representacións do certame en anteriores edicións do FIOT | 📷 FIOT Carballo
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT 2020) xa está en marcha. E comeza a andar cun certame que cumpre xa catro anos. Así, a Asociación Cultural Telón e Aparte, un dos organizadores do FIOT, convoca o IV Certame de Micro-Escenas M², unha iniciativa que ten como obxectivo apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadores emerxentes ofrecendo o contexto privilexiado do festival para a presentación e estrea de espectáculos. O Certame de Micro-Escenas M² é un concurso de proxectos escénicos de pequeno formato (entre 10 e 20 minutos) concibidos para poñer en escena en espazos non teatrais de Carballo nos que o público (máximo 25 persoas) se sitúa a curta distancia dos intérpretes.
Poden participar todas as persoas físicas, grupos ou compañías teatrais que creen un espectáculo que cumpra as características definidas nas bases. A inscrición realizarase enviando unha solicitude ao enderezo electrónico <fiot.microteatro@gmail.com>. O prazo xa está aberto e remata o martes 30 de xuño de 2020. O xurado seleccionará de 4 a 6 propostas dramatúrxicas. As propostas seleccionadas deberán ser representadas no marco do FIOT e recibirán unha compensación económica de 450 euros. Ademais, optarán ao premio do público ao Mellor Espectáculo (150 euros) e á Mellor Interpretación (150 euros).
Así que, xa sabedes, o FIOT xa está en marcha! Subídevos ao teatro!