Poñemos a punto as praias para a tempada de verán!
O comezo oficial será a mediados de xuño e haberá que respectar en todo momento as medidas de prevención contra a COVID-19
Praia de Razo en maio de 2020 | 📷 Turismo Carballo
O calor desta primavera está adiantando a tempada de praias, xa que nos últimos días Razo e Baldaio están recibindo a moitos bañistas que, ademais, están respectando en todo momento as medidas e a distanza de seguridade contra a COVID-19. Por iso, estamos traballando para que quen así o desexe, e cumprindo en todo momento as directrices do Ministerio de Sanidade, poda desfrutar dos nosos areais nas mellores condicións. Nestes momentos xa está aberto o proceso para a contratación de 30 socorristas e teñen comezado os traballos para acondicionar as zonas verdes. En todo caso, hai que lembrar que, polo de agora, o baño está desaconsellado porque aínda non está operativo o Servizo de Salvamento e Socorrismo nin comezaron os controis sanitarios das augas. Estes días, ademais, a megafonía dos areais está repetindo con regularidade todas as medidas de protección que deben respectarse pola COVID-19.
Segundo as directrices do BOE, o aforo para os nosos areais podería chegar ás 20.000 persoas
Por outra banda, a crise sanitaria que aínda estamos a padecer obríganos a planificar a temporada en función das directrices que vaian establecendo as autoridades sanitarias para cada unha das fases do proceso de desescalada. Seguindo as instrucións publicadas no BOE, “para calcular o aforo máximo permitido por cada praia considérase a superficie a ocupar por cada bañista de aproximadamente catro metros cadrados”, o que no noso caso permitiría establecer un aforo máximo dunhas 20.000 persoas no conxunto do litoral, que conta con máis de 5 quilómetros de praia. Estamos nun momento “de transición”, como apunta o coordinador de Protección Civil, Javier Souto Facal, que insiste ademais na perigosidade das nosas praias e na necesidade, por tanto, de extremar as precaucións tamén á hora do baño.
En todo caso, e se todo vai ben, este verán poderás desfrutar do noso litoral ao completo, xa que a última clasificación sanitaria das augas de baño é boa en Arnados e excelente en Pedra do Sal, Razo, Ría de Baldaio e As Saíñas.