Xa podedes anotarvos no Campamento Kamikaze do VII Carballo Interplay!
Dinosaurio, a serie exprés realizada na pasada edición desta actividade, opta o sábado 7 de marzo a un Premio Mestre Mateo
O Carballo Interplay pon en marcha unha nova edición do seu particular campamento de creación audiovisual "exprés", o Kamikaze, que serve cada ano para quecer motores de cara ao inicio do festival, que celebrará a súa 7ª edición entre o 1 e o 4 de abril. As tres xornadas de Campamento Kamikaze -30 e 31 de marzo e 1 de abril- estarán dedicadas un ano máis á creación dun episodio da serie "Dinosaurio" na contorna incomparable da praia carballesa de Razo. Este é o segundo ano consecutivo no que a produción nacida desta iniciativa do Carballo Interplay opta a un Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.
Será os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril e o prezo é 150 € con aloxamento en pensión completa
As persoas seleccionadas para participar nesta edición do Campamento Kamikaze traballarán en equipo con profesionais do mundo da creación audiovisual como Cris Iglesias, Alfonso Zarauza, Marcos Nine, Javi Camino, Antón Varela, Marta Piñeiro, Isaura Docampo ou Lucía Regueiro. Xuntas, xuntos, enfrontaranse ao reto de idear, gravar e postproducir en tres días os seus "dinosaurios", novos capítulos da webserie que se iniciara xa na primeira edición do Campamento Kamikaze baixo unha única premisa temática: a fin de internet.
Preestrea de Grasa, a nova serie de David Sainz para Playz
David Sainz, pai do concepto de dinosaurio e padriño do Festival, amosará en exclusiva no Interplay Grasa, unha áceda comedia sobre novas oportunidades que poderá verse proximamente en Playz, a canle dixital de RTVE. Nela, Pedro “El Grasa” (Kike Pérez) é un conflitivo delincuente que leva unha vida caótica e ao que, un día, o seu corpo lle dá un susto. O destino levaráo a unhas singulares clases de pilates que transformarán radicalmente a súa existencia. Acompañan a Pérez no reparto que dirixe David Sainz -coñecido polo público por series como Mambo ou Malviviendo- os actores Octavi Pujades, Antonio Dechent, Diego Villalba, Lamberto Guerra, Fede Martínez, Víctor Hubara, Luifer Rodríguez e as actrices Ana Caldas e Mercedes Hoyos.
Duplícase a contía do Premio a proxectos de webserie en galego
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay continúa a ser un ano máis un dos principais impulsores da creación de series web en Galicia co seu Premio a proxectos de webserie en galego, que nesta ocasión dá un salto cualitativo duplicando a súa dotación económica ao destinar 3.000 euros á produción de tres vídeos da serie do proxecto premiado.
Os proxectos gañadores da última edición do festival, Xan (Lucía Estévez e Miguel Canalejo) e Amnesia 3.0 (Iria Iglesias, Natalia Porca e Irene Pin) poderán verse xa convertidos en series no auditorio da Pazo da Cultura de Carballo o xoves 2 de abril. As persoas que queiran seguir os pasos deste grupo de creadores e creadoras e presentar os seus proxectos de webserie en galego poden facelo ata o 15 de marzo a través da web carballointerplay.com. O galardón resolverase cun pitching en directo o mesmo xoves 2 de abril e o resultado estrearase na oitava edición do Carballo Interplay.