Carballo, un ano máis, en Xantar
Estamos co posto da Deputación na primeira feira gastronómica de Galicia con showcookings, degustacións e a Escola de Hostalería
Showcooking do Restaurante río Sil | 📷 Turismo Carballo
Carballo volve un ano máis a Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra do mércores 5 ao domingo 9 de febreiro en Expourense. Trátase da única feira internacional de Turismo Gastronómico recollida no calendario oficial de Feiras Comerciais Internacionais españolas e unha cita que conta xa con 21 anos de idade. Imos difundir a nosa gastronomía abordando tres facianas diferentes: a calidade dos nosos restaurantes, o noso pan e empanada e tamén o traballo desenvolvido dende a Escola Municipal de Hostalería. E todo grazas á Deputación da Coruña, que nos cede parte do seu espazo na feira para promocionarnos.
A nosa presenza en Xantar deixarase sentir nomeadamente o mércores, día de apertura, e o venres. O 5 de febreiro o stand da Deputación acolle dous showcookings, un por parte do Restaurante Pementa Rosa e outro por parte do Restaurante Río Sil. Son os dous locais hostaleiros mellor valorados de Carballo, os dous entre os 70 mellores de Galicia segundo as opinións dos usuarios de TripAdvisor na listaxe publicada no mes de xaneiro de 2020. Pementa Rosa elaborará gyozas (unha especie de empanadillas xaponesas) de rape en americana de camaróns; e espárragos con ourizos e xamón. Río Sil promocionará a súa oferta de summun carnes vermellas de Galicia, con especial atención ao boi.
Pan e empanada
O venres 7 será o día da Escola Municipal de Hostalería e de degustacións. No primeiro caso, o alumnado ofrecerá unha degustación na Aula de Medio Rural de Xantar, con empanada caseira do día e arroz caldoso de peixes e mariscos. Ao mesmo tempo, no posto da Deputación da Coruña, haberá degustación de pan e empanada das nosas panadarías, xa que calquera delas ofrece un excelente produto. Se vos cadra estar por Ourense estes días, non dubidededes en achegarvos e probar Carballo Calidade!