O camiño para trocar o miradoiro de Vilela nunha experiencia interactiva
O Concello solicita ante a Axencia Galega de Turismo a subvención necesaria para mudar o espazo nun miradoiro tecnolóxico musealizado
Vistas dende o mirador de Vilela
18 de decembro de 2019 - Dende a Concellaría de Turismo queremos incluír o miradoiro de Vilela na rede iViewPoint, un proxecto que conta co apoio do Ministerio de Cultura e que ten como obxectivo a creación dunha rede de miradoiros tecnolóxicos musealizados, promovendo a súa promoción a través da web e das redes sociais a través de experiencias interactivas e inmersivas. Para conseguilo, o Concello acaba de aprobar a solicitude á Axencia de Turismo de Galicia dunha subvención para financiar o proxecto de instalación dunha mesa panorámica accesible no miradoiro de Vilela, cun orzamento de 7.199,50 euros.
O proxecto inclúe unha mesa panorámica dende a que realizar rutas ou ver mapas en galego, castelán e inglés
O obxectivo desta mesa panorámica sería o de facilitar o coñecemento do territorio e o aproveitamento do miradoiro de Vilela como un recurso turístico de Carballo, xa que as persoas que se acheguen ata este punto poderán interpretar, utilizando un smartphone, os recursos naturais e patrimoniais máis destacados da zona a través de textos e elementos multimedia. O sistema tamén permitirá ao visitante realizar unha navegación dende o miradoiro ata o recurso que lle interese, compartir información, ver os recursos sobre un mapa, crear rutas... E todo iso en tres idiomas -galego, castelán e inglés- e dun xeito accesible.
Unha vez instalada a mesa, o miradoiro daríase de alta na rede de miradoiros iViewpoint, que trata de aproveitar o interese crecente polos miradoiros como lugares cun gran potencial turístico e, en consecuencia, fonte de riqueza para o destino.
Sempre dando novos pasos para poñer a Carballo no mapa!