Carballo: capital do xadrez galego durante a ponte da Constitución
O Espazo Xove Carballo acolle a cita na que participarán arredor de medio centenar de xogadores de toda Galicia e mesmo de León
O III Aberto de Xadrez Clásico converterá a Carballo na capital galega do xadrez durante a ponte da Constitución. A competición, organizada polo club O Toque Xiria co patrocinio do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, reunirá os días 6, 7 e 8 á elite do xadrez galego e mesmo a xadrecistas de referencia no norte do Estado, como por exemplo de León, pero tamén de Ourense, O Grove, Padrón, Rianxo, Lugo... O torneo celebrarase no Espazo Xove, situado na rúa Valle Inclán, e constará de seis rondas con partidas de 90’+30’’. En total repartiranse 1.500 euros en premios.
Trátase da terceira edición do aberto, o que amosa o importante crecemento que está tendo este deporte na vila. Ademais, Carballo forma parte do Circuíto de Xadrez Portus Apostoli xunto con Noia, Val do Dubra, A Pobra do Caramiñal e A Coruña; e Carballo será a sede dos campionatos provinciais, que se disputarán os días 11, 12, 19 e 20 de xaneiro, e nos que se outorgará unha praza para os galegos. Por outra banda, o Toque Xiria espera poder incluír o Aberto de Xadrez Clásico no Circuíto galego de xadrez de partidas lentas, ou poder organizar un torneo de sete ou oito días na segunda quincena de xullo de 2020.