Empanadas dende Carballo para o mundo...
A empresa Costumes Empanadas de Galicia elabora o produto de forma artesán e repárteo para toda España dende o Parque Empresarial de Bértoa
Posto de Costumes Empanadas de Galicia no Fórum Gastronomic de Barcelona | 📷 Paco Fraga
Sabíades que Carballo estase a converter nun dos mellores embaixadores da empanada galega? Dende o Parque Empresarial de Bértoa a empresa Costumes Empanadas de Galicia reparte o produto para toda España, para que dende calquera recuncho, dende Madrid, a Baleares, Barcelona ou mesmo Canarias desfruten dun dos manxares galegos por excelencia. Estes días, no Fórum Gastronomic de Barcelona, o público asistente está probando sen parar no posto da Deputación da Coruña estas empanadas realizadas de forma artesán. De atún, carne, bacallau, bacallau con pasas, polo e champiñóns, zorza, berberechos, mexillóns, xoubas, zamburiñas, polbo... e así ata 15 variedades distintas que se distribúen ao por maior en panadarías, obradores e locais hostaleiros por toda España.
A empresa ofrece até 15 variedades do produto: de atún, carne, bacallau, zorza, berberechos, mexillóns, polbo...
Todo empezou no ano 2015 da man de Francisco Fraga, terceira xeración dunha familia de panadeiras e panadeiros da Laracha, pasando polo seu avó, panadeiro en Paiosaco; e pola súa nai, aínda responsable da Confitería A Balsa na Laracha. De aí ocorréuselle a idea de seguir traballando no negocio familiar, pero con empresa propia e un enfoque diferente, dirixíndose á venda a proveedores, aos que chegan dende Carballo -sendo a única empresa do polígono dedicada á alimentación- nun prazo de 24 a 48 horas. Na actualidade distribúe empanada artesá e ultraconxelada a un 95 por cento de compradores de toda España e está planificando xa a venda nun futuro próximo ao mercado internacional.
O segredo: os ingredientes e a elaboración
Posto de Costumes Empanadas de Galicia no Fórum
Paco Fraga (como así o coñece todo o mundo) asegura que o segredo é empregar ingredientes de primeira e a elaboración manual de calidade: dende o pelado e pochado da cebola, ata o uso de fariña sen aditivos para a masa, pasando polo uso de produtos do país e aceite de oliva extra nos rustridos e recheos, o obxectivo é acadar un resultado tradicional de excelente sabor e textura. Unha vez elaboradas, non se lles engade ningún tipo de conservante. Simplemente pasan por un proceso de ultraconxelado que, explica, non lle quita ningunha propiedade, e poden almacenarse en frío durante un ano. Para comelas, cocelas no forno durante 45 minutos a 180 ºC, e a probar!
Entre as variedades que máis vende, a de bacallau con pasas en Madrid é un exitazo, mentres que de bacallau, pero sen pasas, véndese moito en Bilbao e Barcelona. En todo caso, segue visitando feiras gastronómicas como o Fórum de Barcelona, ao que acudiu da man da Deputación da Coruña, para seguir medrando e atopando novos mercados. Dende logo, no stand do organismo provincial a xente non parou estes días de probar e probar... Dende Carballo, empanadas para o mundo!