Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A 28 edición do FIOT bate récords con máis de...

Compartir:

A 28 edición do FIOT bate récords con máis de 16.000 participantes

Jauría, de Kamikaze Producciones, gaña o premio do público en espectáculos de sala, mentres que AKA foi a mellor valorada das propostas do OTNI

A.K.A., do ciclo OTNI, recibiu a valoración global máis alta do FIOT, con 4,83 sobre 5

A.K.A., do ciclo OTNI, recibiu a valoración global máis alta do FIOT, con 4,83 sobre 5 | 📷 Cris Becerra

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo pecha a súa 28 edición coa maior participación da súa historia. O FIOT, que desenvolveu a meirande parte da súa actividade entre o 27 de setembro e o 1 de novembro, acadou a cifra de 16.273 participantes, un dato que consolida á cita como o maior festival de teatro de Galicia. Nesta edición, na que o festival puxo o foco no teatro social e subiu ao escenario novas miradas sobre realidades como as violencia machistas, a identidade sexual, a xenofobia ou a soidade, o FIOT obtivo a nota media máis alta da súa historia: un 4,44 sobre 5.

O festival obtivo a nota media máis alta da súa historia, xa que os espectadores valoraron as propostas cun 4,44 sobre 5

A creación escénica do Programa de Sala máis valorada polo público foi Jauría, de Kamikaze Producciones. A dramaturxia de Jordi Casanovas é unha peza de teatro-documento que se basea na transcrición das declaracións da demandante e acusados do xuízo de La Manada. A obra, dirixida por Miguel del Arco, acadou 4,68 sobre 5 de valoración nunha peza cun reparto encabezado por María Hervás (gañadora do Premio do Público 2018 por Iphigenia en Vallecas) e o galego Martiño Rivas. Tras Jauría, a obra máis destacada foi a estrea absoluta de O electo, de Contraproducións, Focus e o propio FIOT, que obtivo unha puntuación media de 4,62 puntos. A peza La Golondrina, de LaZona, con presenza de Carmen Maura, contou cun total de 4,61 puntos, completando o podio das tres pezas máis valoradas polas espectadoras e espectadores do Programa de Sala, que acadou un 4,34 de media no total das funcións.

Ciclos alternativos

O electo

O electo | 📷 Vanesa Rábade

Outra das propostas máis valoradas neste 2019 foi A.K.A (Also Known As), de Flyhard Produccions, que formou parte do X ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado). Creada por Daniel J. Meyer e interpretada por Albert Salazar baixo a dirección de Montse Rodríguez, é unha das sorpresas da tempada escénica logo de acadar dous Premios MAX 2018-2019. A obra sumou un total de 4,83 puntos sobre os 5 posibles. En contraposición ao Programa de Sala, a puntuación dos espectáculos do ciclo OTNI teñen unicamente un efecto informativo, xa que as obras, de carácter máis vangardista, teñen unha capacidade de asistencia máis reducida. A.K.A. formou parte do OTNI xunto a xunto a Control Freak, de Kulu Orr, e Conservando Memoria, de El Patio Teatro. As tres propostas enmarcadas nesta liña reflicten a alta calidade da vangarda escénica que ofreceu este ano o ciclo, unha observación referendada polo público de Carballo, que outorgou unha media de 4,71 puntos sobre 5 . Para o FIOT, esta cifra supón unha extraordinaria valoración e grande acollida por parte do público da proposta máis arriscada da programación do festival.

A terceira liña de programación que contou coa valoración activa do público foi o III Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, a proposta de creacións escénicas de pequeno formato en espazos non convencionais e que se consolidou nesta 28ª edición grazas á alta calidade dos espectáculos. O Premio do Público nesta liña recaeu na peza Corazón, unha performance creada e interpretada por Iria Sobrado nun posto do mercado municipal que obtivo 4,73 puntos; mentres que o Premio á Mellor Interpretación foi para Arantxa Teus, quen deu corpo e voz á obra Sorpresa, de Enconarte Producións, cunha valoración de 4,57 por parte do público de Carballo.

A maior oferta teatral de Galicia

Público do FIOT

Público do FIOT | 📷 Cris Becerra

A 28º edición do FIOT converteu a Carballo no corazón das artes escénicas de Galicia e confirmou ao festival como a cita galega que ofrece unha maior oferta teatral. Neste 2019, o festival rexistrou a maior afluencia de público dos últimos anos, superando o máximo de 7.202 acadado no 2016. Así, o FIOT contou con 8.648 espectadores ao longo dos seus 38 espectáculos, dos cales 9 foron estreas absolutas e 8 no país. Neste sentido, a dirección do festival cualifica como excelente a acollida da programación por parte do público, que esgotou os bonos na primeira xornada que se puxeron á venda, e pola ocupación dun 97,50% que se rexistrou nas 14 funcións celebradas no marco do Programa de Sala e do ciclo OTNI. En total celebráronse 62 funcións ao longo das cinco semanas de programación.

A ocupación media dos espectáculos do FIOT superou o 97 por cento no programa de sala e no ciclo OTNI

Ademais, o FIOT contou con 7.679 participantes nunha trintena de iniciativas que tiveron lugar ao logo do mes de setembro e outubro en máis de 250 sesións, e entre as que se atopan propostas profesionais como a reunión da comisión artística da Rede Galega de Teatros e Auditorios e, especialmente, a Xornada Escena Norte Idea Carballo, que xuntou unha trintena de dramaturgas e dramaturgos de Galicia, Asturias, País Vasco e Cantabria. Ao fío do incremento da participación, o FIOT advirte da relevancia do aumento da asistencia ao festival dos públicos máis novos: a programación do Teatro de Rúa, que obtivo unha excelente acollida pola alta calidade das súas propostas, e que se dirixiu fundamentalmente ás máis pequenas e pequenos, sumou 1.195 espectadores; o certame de Teatro Lido acadou o número de participantes máis alto da súa traxectoria, con 360 nenas e nenos concursantes; e o FiotEEN chegou a un total de 3.777 mozas e mozos, unha cifra que dá conta tamén do compromiso do FIOT con achegar as artes escénicas á xuventude a través de diversos formatos.

Máis de 30 localizacións

A 28ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro celebrouse nun total de 30 localizacións, entre os que se inclúen diferentes espazos do Pazo da Cultura, catro centros de ensino, once locais de hostalería, catro locais comercias e diversos espazos públicos exteriores ou interiores. Algunhas destas localizacións acolleron iniciativas fundamentais para a creación e formación de públicos, como son a Escola do Espectador, coordinada por Camilo Franco, ou os Cafés con, encontros coas compañías asistentes. Ademais, durante todo o mes de outubro tivo lugar unha nova edición de Dalle un bocado ao FIOT.  Esta iniciativa gastronómica promovida pola Concellería de Promoción Económica desenvolveuse nun total de 12 establecementos hostaleiros, os cales acolleron 82 pequenas intervencións teatrais para achegar as artes escénicas a toda a vila.

E xa estamos traballando na 29 edición do FIOT. Longa vida ao teatro!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica