Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Comeza a segunda fase para declarar a Razo e a...

Compartir:

Comeza a segunda fase para declarar a Razo e a Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf

Entre os próximos pasos da candidatura está a realización dunha campaña de sensibilización nos centros de ensino sobre os valores do surf

Surf na praia de Razo | 📷 Turismo Carballo

A candidatura para conseguir que Razo, xunto con outras nove praias da Costa da Morte, sexa declarada Reserva Mundial de Surf segue adiante con novas xuntanzas e actuacións por parte das institucións implicadas. O xoves 25 de outubro tuvo lugar en Carballo un encontro entre o vicepresidente da Deputación da Coruña e Concelleiro de Turismo de Carballo, Xosé Regueira, e representantes dos concellos involucrados e do sector do surf. Iníciase así a segunda fase do proceso para a declaración da Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf.

Está previsto crear un foro de sensibilización para poñer en valor os ecosistemas e as ondas da Costa da Morte

Un dos principais acordos foi o de avanzar na declaración previa como Reserva Local de Surf do territorio que forma parte da candidatura, pero na reunión tamén se decidiu iniciar un foro de sensibilización dos valores dos ecosistemas e das ondas da Costa da Morte ademais de botar a andar unha campaña de divulgación dos valores do surf nos centros de ensino dos concellos implicados. Coa xuntanza desenvolvida en Carballo, e que contou coa presenza de representantes políticos dos concellos de Fisterra, Laxe, Malpica, Carballo e A Laracha, séguese, por tanto, avanzando na definición da candidatura.

Candidatura consolidada dende o mes de xullo

Hai que lembrar que o pasado mes de xullo a ONG Save the Waves Coalition, encargada de conceder o distintivo, anunciou oficialmente que a proposta da Costa da Morte fora recoñecida como candidatura, superando o primeiro chanzo para acadar o obxectivo de protexer aínda máis o noso litoral e as nosas ondas. Despois de superar a primeira fase do proceso, a Costa da Morte inicia agora unha etapa definitiva de cara a converterse na primeira Reserva Mundial de Surf.

Nesta fase do proceso a candidatura ten na implicación de máis de trinta representantes tanto de institucións como de entidades privadas un dos seus principais activos, xa que traballan conxuntamente para que o obxectivo se faga realidade. A entidade Save the Waves, que é quen decide sobre as candidaturas presentadas, agarda a presentación dun proxecto polo miúdo antes do fin do ano, mais tamén estudar as formas para dar viabilidade a curto e longo prazo para contribuír ao desenvolvemento da Costa da Morte como destino sustentable de surf, o que foi o principal obxectivo da xuntanza celebrada en Carballo.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica