Escultura ‘Artiluxio’
Escultura ‘Artiluxio’
[2007] - Rúa do Sol
Autor: Francisco Pazos
A escultura Artiluxio foi creada por Francisco Pazos e ocupa, dende 2007, o centro da glorieta da rúa do Sol. Cos seus 7,5 metros de alto, introduce na contorna un peculiar contraste: o da pedra sobre o fondo urbanizado.
É unha escultura fundamentalmente de granito, combinado con aceiro coten e aluminio, que pode recordar algún trebello quizais ancestral, imaxinario, que nos faría espertar curiosidade, pois non é sinxelo atinar coa súa función práctica.
Liñas sinxelas, formas suaves, inspiración no rural ou reminiscencias da cultura castrexa son características nas obras deste escultor de Meaño, tamén mestre canteiro. Pazos gusta de combinar a pedra con outros elementos, como a madeira ou o metal, e así o fai nesta escultura. Está situada nunha das principais entradas a Carballo, a do barrio da Ponte, cruce de camiños cara a Ordes, Fisterra e Santiago.