Carballo a un paso

Inicio // Artigos // 22 anos de Xiria Pop!

Compartir:

22 anos de Xiria Pop!

A Sala Dublín volve acoller o venres 13 e o sábado 14 de setembro o festival independente carballés que marca o final do verán: o bono custa 15€

Xiria Pop 2019

O Xiria Pop cumpre 22 anos! Cunha traxectoria caracterizada sempre pola independencia e orixinalidade das súas propostas, tense convertido nun dos festivais de pequeno formato de referencia en Galicia, con xente chegada mesmo de Mallorca ou de Asturias, entre outros puntos de España, para gozar coa proposta musical do organizador da cita, Xabier Graña. Este ano serán sete as bandas convidadas, con Billy Bremner dos Rockpile á cabeza, La Granja dende Mallorca (na súa segunda visita a Carballo) e Gutara Kyo, o primeiro grupo xaponés en subirse ao escenario da Sala Dublín. Estarán acompañados de grupos de Barcelona, como The Surfin Burritos; de Cedeira, como Superser; de Vigo, como Basanta; de Bilbao, como La Secta, e coa presenza do DJ coruñés Isaac Peces.

Por primeira vez un grupo de Xapón sobe ao escenario do festival cun directo que non deixará a ninguén indiferente

Ademais, como cada ano, outro dos atractivos do festival é o prezo: 10 euros a entrada diaria, 15 euros o abono para as dúas sesións. Completa o programa a presentación dun libro de poemas que ten non pouco de musical, Mudanza, do carballés Xurxo Chapela; o venres, no Casino, ás 20.30 horas. Aquí vos deixamos a info do cartel de cada día grupo a grupo e cos horarios aproximados de actuación. Agora só queda achegarvos a Carballo e desfrutar!

VENRES 13 DE SETEMBRO

Xiria Pop 2019

  • Billy Bremner's RockFiles (Reino Unido; 00.15 h): Billy Bremner é coñecido nomeadamente por ter formado parte dun grupo británico de finais dos anos 70 e primeiros dos 80 chamado Rockpile. Con influencias pub rock, rockabilly e power pop, gravaron un único álbum Seconds of Pleasure, que fixo historia e que tivo éxitos como Heart.  A banda contaba, ademais de con Bremner, con Nick Lowe, Dave Edmunds e Terry Williams. En solitario, ten colaborado con Pretenders, Shakin’ Stevens, Carlene Carter, The Coal Porters, Jim Lauderdale ou Elvis Costello. Vén a Carballo co selo de ser un dos mellores guitarristas a nivel mundial e cun tributo a Rockpile no que interpreta os seus meirandes éxitos .

  • The Surfin Burritos (Barcelona; 23.00 h): Desde a súa formación no 2007 -con Daniel na voz e baixo, Gabriel na guitarra e voz, Miquel na batería e Kike nos coros e a guitarra- teñen actuado facendo versións en centos de salas, festas privadas, festas maiores, concentracións moteiras, festas na praia... Iso serviulles para consolidar o son da banda e para probar a eficacia dos temas que forman parte do eu repertorio. No 2017 lanzaron un álbum homónimo con 13 cancións cheas de diversión e rock'n'roll, surf, rockabilly, beat e power pop. Melodías pegadizas, guitarras recoñecibles, letras corrosivas... son algúns dos seus sinais de identidade. En 2019 lanzan o seu segundo traballo con composicións propias, Oh Yeah (Family Spree Recordings), que poderedes escoitar no Xiria Pop xunto cos temas anteriores.

  • La Granja (Mallorca; 1.30 h): Naceron e desenvolveron unha frenética actividade nos 80, creando himnos xuvenís do pop da época como Chap ChapPor quién doblan las campanas o Más de veinte años. A finais do 2017 reeditaron o seu álbum máis coñecido e emblemático, Soñando en colores (Warner Music), o seu segundo traballo daquel entón. Agora están xirando para tocar de novo os seus grandes éxitos e no Xiria Pop poderemos vivir o seu particular revival.

  • Basanta (Vigo; 22.00 h): Son unha banda indie de rock psicodélico que recibe o seu nome dunha festa hindú que festexa a chegada da primavera. Toman a súa escenografía do teatro grego e todos os seus compoñentes móstranse cubertos con máscaras e túnicas baixo as cales ocultan as súas identidades, as de Sol, Azufre, Sal, Tierra e La Santa. Coa súa música, Basanta transpórtanos a un imaxinario rico en mellotrones, afinacións abertas, fuzzs setenteiros e harmonías brillantes. No seu álbum Colorama presentan cancións como Emperador ou Cristal, que poderedes escoitar no festival.

SÁBADO 14 DE SETEMBRO

  • Gūtara Kyō (Kobe, Xapón; 00.30 h): En xaneiro de 2017, Gūtara Kyō tocou o seu primeiro concerto no Helluva Lounge en Kobe, Xapón. Intenso, retorto, cru, salvaxe e rechamante de inmediato. Ningún dos membros da banda ten un tocadiscos, e apenas escoitan música. Como unha banda anormal que transcende os estereotipos, a súa personalidade é verdadeiramente xenuína e única. Orixinalmente como un CD no selo xaponés Bakudan, o seu álbum debut foi lanzado internacionalmente no selo Slovenly. E así comezou a súa carreira... Podedes escoitar o seu son clicando aquí.

  • La Secta (Bilbao; 23.00 h): Banda de power rock, volve en 2018 despois de case 30 anos de separación, trala disolución da formación orixinal. Foi un dos primeiros grupos en cantar en inglés cun son que bebe do garaxe punk e a psicodelia, pero tamén do rock australiano. Naceron paralelamente ao rock alternativo de finais dos 80 e principios 90 que se facía en Seattle e a prensa internacional clasificounos como 'garunge' (garaxe+grunge); e en gran medida supuxeron o xerme do que máis tarde naceu na marxe dereita da ría de Bilbao, o Getxo Sound. No Xiria Pop tocarán os seus temas de sempre. Podedes escoitar o seu directo clicando aquí.

  • Superser (Cedeira; 22.00 h.): Grupo galego formado por Luis (guitarra e voz), Juan (batería) e Dani (baixo), a súa música é unha mestura de garaxe, blues, surf e psicodelia, hipnóticos e adictivos temas que abducen coas súas potentes, repetitivas e reverberadas instrumentacións. Atrapan cos seus magnéticos riffs de guitarra e as obsesivas seccións rítmicas con inquedas execucións vocais, crepitantes guitarras e ritmos escuros. Teñen un primeiro traballo con tres brillantes temas de garaxe blues cavernario que seguro gustarán a todos os amantes do rock'n'roll. Aquí podedes escoitar No te pires nena.

  • DJ Isaac Peces (A Coruña; peche do festival): Isaac Peces ofrece sesións bailables, elegantes e eclécticas. Viran ao redor da música negra, pasando polo soul, funk, brazil, afrobeat, disco, boogie e electrónica. Durante a última década ten traballado en festivais como Womex, Jazzaldia, Revenidas ou Noroeste, así como máis dun centenar de clubs, destacando Brilliant Corners (Londres), Werkplaats (Ámsterdam), Claustre (Menorca), Berlín Café (Madrid) ou Primeiro Andar (Lisboa). Tamén é habitual en cabinas coruñesas como Lautrec, Mardi Gras, Portiño, Telefunken, Puticlú, Barbería, Moom57, Garufa ou Soweto. Os seus mixtapes son publicados por selos e radios como Lovemonk ou Sonideros (Rne3). Podedes escoitar o seu son clicando aquí.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica