Carballo acolle a estrea de “Premios Darwin”
Rodada integramente na capital de Bergantiños, esta serie de Carmen Conde recolle algunhas das mortes máis absurdas ocorridas en Galicia
O Pazo da Cultura de Carballo acolle o xoves 5 de setembro ás 20.30 horas a estrea da serie “Premios Darwin”, rodada integramente no municipio. Patrocinada polo Concello de Carballo, producida por Tarabela Creativa e presentada como proxecto no festival carballés de contidos dixitais Carballo Interplay, ten a Carmen Conde como autora. A serie xira arredor dalgunhas das mortes máis absurdas ocorridas en Galicia, recompiladas para o teatro por Conde e finalmente convertidas en serie. Composta por tres capítulos, “Premios Darwin” ten elevadas doses de humor negro e conta coa participación de intérpretes ben coñecidos no audiovisual galego como Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Avelino González, María Vázquez, César Cambeiro ou Ana Santos.
A posta de longo da serie contará non só coa primicia da proxección dos tres episodios, senón tamén cunha actuación ao vivo da banda sonora da ficción a cargo de Nastasia Zürcher, que estará acompañada no auditorio do Pazo da Cultura por Adrián Saavedra. Convidamos a todos os carballeses e carballesas a que vexan de primeira man esta serie na que atoparán lugares recoñecibles e ademais pasarán unha boa noite. A entrada é de balde.
O programa da estrea é o seguinte:
- 20.30 h. Acceso ao auditorio e benvida, cun breve espéctaculo da narración oral de Carmen Conde, onde ademais nos explica a orixe da serie dende o punto de vista do guión e como deu o salto dende a dramaturxia ao audiovisual.
- 21.00 h. Proxección dos tres capítulos da serie.
- 21.30 h. Explicación do proceso creativo e coloquio do público asistente coas creadoras e creadores de “Premios Darwin”.