Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Máis de medio millar de persoas estarán na Festa...

Compartir:

Máis de medio millar de persoas estarán na Festa do Pichorro de Cances!

O sábado 31 de agosto unha carpa do recinto das escolas da parroquia acolle esta cita que cumpre 17 anos e que contará con música e comida

Un momento do cociñado dos pichorros

Un momento do cociñado dos pichorros | 📷 Asociación Cultural San Campio de Cances

De Bilbao, de Sevilla, de Madrid... e de Carballo, por suposto. A Festa do Pichorro de Cances gaña cada ano en número de asistentes mantendo o seu espírito de recuperar costumes e comidas tradicionais. Nesta XVII edición, unha vez máis a carpa do recinto das Escolas de Cances -este ano mellorado con asfalto para favorecer o baile, explica Francisco Méndez dende a Asociación Cultural San Campio- acolle unha cita na que o millo é protagonista e que está previsto que congregue a máis de medio millar de persoas. Tanto membros da parroquia que confirman de antemán a súa presenza, como turistas e curiosos que se achegan a degustar o millo, desfrutan cunha festa gastronómica na que, ademais dos pichorros de millo con pan de broa, hai panceta, cachelos, churrasco, chourizo, dóces de postre, bebida... Arredor de 250 pichorros, que fan unhas 750 racións, estarán dispoñibles para que ninguén quede ser probalos.

A degustación da comida comeza ás 21.00 horas e ademais de millo haberá churrasco, chourizos, cachelos...

Respecto do programa, a cita é o sábado 31 de agosto e comeza ás 20.00 horas coa actuación do grupo de música tradicional "Foliada Galega" e a apertura da carpa a partir das 20.30 horas. Xa ás 21.00 comezará a degustación da comida e ao longo do noite haberá baile co "Dúo Libertad" e a actuación do grupo de percusión e danza africana "Perfusión", que xa estivera na festa hai dous anos con moita aceptación. O obxectivo, sinala Francisco Méndez, é ofrecer unha festa multicultural que una diferentes tradicións.

VIII Campionato de debullamento de millo

Debullado de millo

Debullado de millo

Outra das citas que máis éxito ten da festa é o Campionato de debullamento de millo co mango do fouciño, con máis adeptos en cada edición. Máis de 20 persoas quixeron participar o ano pasado, e coa novidade de que 4 mulleres tamén se animaron a coller o fouciño e amosar a súa habilidade. E ademais, cada ano súmase máis xente de fóra da parroquia, de tal xeito que o gañador do ano pasado veu dende Paiosaco (A Laracha). O certo é que non é nada fácil a técnica, porque hai que dar coa forza axeitada para non esmagar os grans do maíz. Merece a pena velo.

Así que xa sabedes, se vos apetece probar boa comida e pasar unha noite animada, achegádevos a Cances. E non tendes excusa, porque se non sabedes chegar, aquí vos deixamos a localización en Google Maps: coordenadas 43.243759, -8.745930.

Vémonos no Pichorro!


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader