Carballo a un paso

Inicio // Que ver // Patrimonio // Arte urbana // Escultura ‘Alfredo Brañas’

Compartir:

Escultura ‘Alfredo Brañas’

Escultura ‘Alfredo Brañas’

Escultura ‘Alfredo Brañas’

2005 - Rúa Coruña
Esta escultura está situada á beira da casa na que veu ao mundo o político e escritor rexionalista, Alfredo Brañas. Na rúa peonil coa que fai esquina, poderedes sentar á beira da figura dun Alfredo Brañas en bronce, inspirada nun óleo pintado por Fenollera.

Aí descansa, reflexivo, entre o ir e vir de carballeses e carballesas e de cativos que se deteñen a xogar con el e sentar ao seu lado. Foi elaborada por César Lombera, o mesmo escultor que moldeou, para a Alameda de Santiago de Compostela, as figuras de As Marías e de Valle Inclán.

Carballo foi berce deste pai do rexionalismo galego. Intelectual de vida curta pero intensa, labrou para Galicia un proxecto político e, sobre todo, un ideal: a confianza na nosa maioría de idade como país. Mesmo chegou a configurar Brañas a distribución de competencias entre o poder central e o rexional nunha época na que non se concibía máis poder que o centralizado en mans do goberno do Estado.

Tiña a clareza do enxeñeiro social e coa súa palabra como única ferramenta soubo definir novos horizontes para o país.

Algunhas das cuestións que puxo sobre da mesa Alfredo Brañas seguen de plena actualidade, como a súa proposta para a eliminación das deputacións. Para o rexionalista carballés, tanto as súas funcións como as do goberno civil debían ser asumidas polo goberno rexional.

Alfredo Brañas tiña a materia daquelas persoas que son quen de impulsar o cambio no rumbo dunha sociedade. Tiña a clareza do enxeñeiro social e coa súa palabra como única ferramenta soubo definir novos horizontes para o país.

Escritor, avogado, catedrático de Dereito, concelleiro en Santiago, Brañas combinou o seu proxecto rexionalista de inspiración tradicionalista co seu ideario catolicista militante.

Escribiu unha letra para o himno de Galicia, que non é a que hoxe en día se instaurou como oficial, de Eduardo Pondal, mais que non queda atrás en espírito reivindicativo:

Casta dos celtas, esperta axiña!
ergue do fango da escravitú!
pátrea da ialma, teus ceibes cantos
enchen o mundo de norte a sur.
Dos meus pasados bendita terra,
Nai amorosa da miña nai
creva as cadeas que te asoballan
e cingue a croa da libertá.
Cantai galegos, o himno xigante
dos pobos libres, dos pobos grandes;
cantai, galegos, a idea santea
da independencia da nosa Pátrea.
Os de Castela son castelaos
os de Galiza galegos son,
pero non somos, como españoles,
Nin eles amos, nin servos nós.
Das costas bravas de Finisterre
astra as douradas beiras do Sil,
ruxen os berros de guerra a morte
contra os tiranos do meu país.
Ártabros forte, feros brigantes,
sombras quiridas doutras edades,
prestade alentos ós que batallan
por esta meiga pequena Pátrea.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica