Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Proba o mar de Carballo: vén á XXIII Mexillonada...

Compartir:

Proba o mar de Carballo: vén á XXIII Mexillonada de Lema!

A cita gastronómica -o sábado 3 de agosto- contará con empanadas caseiras, mexillóns ao vapor, viño, café, queimada e actuación musical

Mexillonada

Un total de 700 kilos de mexillóns para facer 250 empanadas caseiras, outros 1.000 kilos de mexillóns ao vapor, a actuación do Dúo Diamante, café, viño e queimada e sorteos entre os asistentes. Todo baixo as vistas das paisaxes espectaculares do Miradoiro de Santa Irene (Castrillón) dende o que se ve todo Baldaio. Parécenvos poucos alicientes para achegarvos á XXIII Mexillonada de Lema? A cita gastronómica volve despois dun ano de parón con máis azos ca nunca, e faino da man da Asociación Cultural O Castro de Lema, cuxos integrantes non superan os 22 anos, e coa axuda de toda a veciñanza.

Repartiranse arredor de 1.700 kilos de bivalvos nunha carpa situada no Miradoiro de Santa Irene en Castrillón

A cita é o sábado 3 de agosto a partir das 19.00 horas e este ano conta coa novidade de que quen se acheguen participarán no sorteo dunha viaxe de fin de semana a un hotel de catro estrelas con tratamento de spa, entre outros moitos agasallos. Sen contar a marabilla de probar os mexillóns, con empanadas que fará a propia organización e que comezará a preparar o xoves co picado da cebola, seguirá o venres co mexunxe e que rematará o sábado pola mañá coa elaboración da masa e a cocedura. A música do Dúo Diamante animará a festa que conta con carpa por se hai algúnha traición do tempo do verán galego, aínque que a previsión de Meteogalicia para o sábado é boa.

Ademais, dende O Castro de Lema tamén barallan a posibilidade de loitar para que a Mexillonada sexa declarada Festa de Interese Turístico. Ese será o seu obxectivo de cara a próximas edicións. Pero polo de agora, non perdades a de 2019, merece a pena!

A Mexillonada do ano 2017

A Mexillonada do ano 2017


Feader Ministerio de agricultura, alimentación y medio ambiente Xunta de Galicia Deputación da Coruña Galicia Agader