Carballo a un paso

Inicio // Artigos // As 12 horas BTT de Carballo baten récord de...

Compartir:

As 12 horas BTT de Carballo baten récord de participación

A cita conta con máis de 250 cilcistas que serán quen de pedalear nun novo circuíto máis emocionante de 10 quilómetros polo Polígono de Bértoa

12 horas BTT

A proba 12 horas BTT de Carballo cumpre dez anos con máis saúde ca nunca. Cun total de 251 participantes, esta cita deportiva de resistencia en bicicleta de montaña pon a proba aos seus participantes, que acumulan voltas durante as 12 horas de duración da competición, de 9.00 a 21.00 horas do sábado 20 de xullo. Este ano a organización quere que a competición teña aínda máis emoción, polo que o circuíto, situado no Parque Empresarial de Bértoa, contará con máis quilómetros (pasando de 8,6 a 10) e tamén con máis emoción. O que non varía son as modalidades: individual, pero tamén por equipos por relevos, en categorías masculina, feminina e mixta.

Coma sempre, a organización recae na Asociación Deportiva Media Ducia coa colaboración do Concello de Carballo. Dende a entidade, Ricardo Tomé asegura que a cita é bastante popular porque “non é unha proba moi complicada e gústalle moito á xente”. Tomé tamén destaca o alto nivel dos participantes. “Ademais de bater o récord de participación contamos con xente como Víctor Gende, do Club Monteneme, ou Mar Delgado, de Betanzos, que é campioa de Europa de BTT Orientación". As previsións meteorolóxicas para o sábado 20 son boas e prevese un bonito espectáculo para o público, que ademais poderá desfrutar da proba en familia porque haberá xogos inchables para os pequenos da casa.

Premios e regulamento

En canto aos premios, ademais dos trofeos para os tres primeiros clasificados, haberá detalles conmemorativos: para o club máis numeroso, para o participante que veña de máis lonxe ou para os deportistas de maior e menor idade. Respecto da seguridade, a proba disporá de zona de acampada, dúas ambulancias, médico, técnicos sanitarios, hospital de campaña e persoal de protección civil; ademais, cada inscrito contará cun seguro deportivo. Así mesmo, haberá servicio de fisioterapeuta gratuíto, taller mecánico gratuíto, control de voltas por chip e un agasallo conmemorativo.

Como vedes, a proba teno todo: un reto deportivo, unha xornada de convivencia, seguridade, agasallos e moita diversión. Vinde un ano máis ás 12 horas BTT da Asociación Deportiva Media Ducia e o Concello de Carballo. Vémonos o 20 de xullo!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica