A Oficina de Turismo abre de novo as súas portas ao público logo das obras de reforma
As instalacións retoman a partir do 2 de xullo o habitual horario de verán, con apertura de martes a sábado e os domingos de feira
Boas novas! Despois duns meses de obras a Oficina de Información Turística de Carballo, situada no Museo de Bergantiños, volve abrir as súas portas no horario habitual de verán. A piques de cumprir 160 anos, o edificio, antigo cárcere do Concello e un dos seus principais recursos turísticos, foi obxecto dun proxecto de conservación e rehabilitación durante os últimos meses e, unha vez rematados os traballos, volvemos a abrir a atención ao público. O horario a partir do martes 2 de xullo será o seguinte:
- De martes a venres: de 10.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 20.30 h.
- Sábados e domingos de feira (2º, 4º e 5º do mes): 11.00 a 14.00 horas.
- Domingos non feriados e luns: pechado.
Respecto dos traballos, consistiron na reparación da fachada para evitar as filtracións de auga, na mellora da instalación eléctrica e a iluminación, na reforma dos aseos, no acondicionamento da cuberta, na instalación dun sistema de ventilación e climatización eficiente, na colocación de novas portas de acceso ás plantas baixa e alta, no redeseño do mostrador de recepción e atención ao público, na incorporación dun falso teito de vidro no patio interior e nova pintura, entre outras actuacións menores. Para completar o proxecto, instalaronse uns bancos de pedra e unha bandeirola de sinalización no exterior.
Un edificio con historia
O edificio do Museo de Bergantiños, que funciona tamén coma Oficina de Información Turística e sede dos departamentos municipais de Turismo e Promoción Económica, foi construído no ano 1855 para albergar o cárcere e o xulgado de primeira instancia de Carballo. Nos anos 90 do século pasado, o edificio foi sometido a unha profunda reforma deseñada polo prestixioso arquitecto Manuel Gallego Jorreto, que culminou coa apertura do complexo actual no 2002. O inmoble primitivo figura entre os elementos con protección no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
O Museo permite achegarnos á cultura, á historia e aos costumes das terras bergantiñás. Conta no seu baixo con varias salas dedicadas á nosa comarca, e mais unha centrada na Costa da Morte. A través delas pode coñecerse máis sobre a nosa paisaxe, a nosa tradición agrícola, o pan, que é o noso produto estrela, ou sobre a historia de Carballo. O museo presta especial atención á liña de trolebuses Carballo-A Coruña, a primeira liña de estrada que se electrificou en España.