Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Nova festa do autocross no circuíto de Carballo

Compartir:

Nova festa do autocross no circuíto de Carballo

Con máis de 70 pilotos, a proba do sábado 27 de abril será puntuable para o campionato galego e contará coa presenza de todos os favoritos ao título

11º Autocross Carballo

O Circuíto Municipal de Motor xa está habituado a que na primavera ruxan os motores na súa pista, e o sábado 27 de abril arrinca a nova tempada coa celebración do 11º Autocross Carballo, primeira proba puntuable do Campionato Galego 2019. Dende unha semana antes os adestramentos libres xa contan coa presenza de case 50 pilotos para poñer a punto os seus vehículos, pero para o día das carreiras espérase que máis de 70 corredores participen na cita, na que estarán presentes os máximos favoritos ao título do Campionato Galego en todas as categorías. Os interesados e interesadas en inscribirse, aínda poden facelo na web da Federación Galega de Automobilismo, organizadora da cita coa escudaría carballesa Máis Motor e a colaboración do Concello.

Respecto da participación, na clase I (vehículos de estrita serie), o actual campión, Iván Muíño terá a difícil misión de revalidar o título. Enfronte, entre outros, estará Tinín Igrexas, subcampión en 2018 e campión en 2017. Na clase II -de máis de 1.600 centímetros cúbicos-, Javier Candal defende título co seu Citroën Saxo fronte a rivais directos como Tino Igrexas sete veces campión autonómico. Na xornada de adestramentos non puido estar Mario Ríos, pero si confirmou a súa presenza en Bértoa o sábado. Na categoría raíña, Carcross, a saída reunirá aos mellores condutores, que suman máis de media ducia de títulos galegos. Entre os vehículos da media ducia de fabricantes presentes esta fin de semana en Bértoa veremos o modelo A Base RX01, deseñado e fabricado en Carballo. Por último, a categoría de 4x4 ofrecerá un novo episodio da loita entre dous dos pilotos con traxectoria máis longa no autocrós nacional, Perfecto Calviño e Perico Rodríguez.

Info de interese

  • Horarios
9.00 | 11.45 h. Verificacións administrativas e técnicas.
12.00 h. Sesións de adestramentos libres.
13.15 h. Sesións de cualificación.
15.30 h. Semifinais.
17.15 h. Finais B.
18.20 h. Finais.

  • Datos do Circuíto Municipal de Motor de Carballo
Superficie: 100% terra.
Lonxitude: 950 metros.
Anchura media: 13 metros.
Boxes: 8.000 m².
Récord da pista: 41.266 segundos, establecido en 2018 por Juan José Moll (Speedcar Xtrem).

A proba de Carballo chega despoís do descanso do inverno e con máxima expectación pola disputa do Campionato Galego de Autocrós. Así que, todos os amantes do motor tendes unha cita o sábado 27 de abril en Bértoa!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica