Primavera enDanza: tradición e modernidade
Do 26 de abril ao 12 de maio Carballo e todos os seus recunchos respiran baile con seis espectáculos e numerosas actividades paralelas
A XVII Primavera en Danza inclúe actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea, que comezaron o pasado 6 de abril coa masterclass “A contemporaneidade no baile tradicional”, que Fran Siera impartiu no local social de Berdillo. Pero ademais, o festival sairá do Pazo da Cultura e presentaranse dous espectáculos de sala en espazos públicos de Carballo: o martes 23 de abril La Macana visitará os institutos do concello e o 3 de maio será a compañía de Paula Quintas quen avanzará Plastic no xardín municipal (13.00h.). E, como en anteriores edicións, ao remate de cada función terá lugar un encontro dos espectadores cos coreógrafos e directores.
Espectáculo a espectáculo
- 26 de ABRIL. 21.00 h. Entresoños, de Fran Sieira. Peza de baile e música tradicional galega creada desde o marco da danza contemporánea. Ten unha forte carga teatral, na que a tradición é o mecanismo de expresión. 4€/3€ con desconto.
- 21 de ABRIL. 20.30 h. Pink Unicorns, de La Macana. Padre e fillo fusiónanse nunha obra que combina diferentes tipos de baile con esceas teatrais. Unha oportunidade única de gozar de dous corpos nacidos para o movemento. 4€/3€ con desconto.
- 3 de MAIO. 21.00 h. Plastic, de Paula Quintas-Traspediante. Fiel reflexo dunha sociedade que dá máis valor ao aspecto das persoas que ao seu interior. Un espectáculo arriscado cunha artista multidisciplinar como é Paula Quintas. 3€/2€ con desconto.
- 4 de MAIO. 20.30 h. La desnudez, de Daniel Abreu. Unha proposta ética sobre o saber quererse con dúas persoas en escena acompañadas polo grave son do vento no metal. Unha viaxe entre o amor e a morte. 4€/3€ con desconto.
- 5 de MAIO. 18.00 h. Gaia, de Entremans. A compañía galega convida ás nenas e nenos a afondar nun tema de grande importancia: o planeta. Dende unha óptica visual e imaxinativa, fusionan pintura, música, audiovisual e danza. 4€/3€ con desconto.
- 12 de MAIO. 20.30 h. Actuación de Xacarandaina. Henrique Peón dirixe este grupo de música e baile tradicional que, fundado en 1978, conta na actualidade cuns 60 compoñentes, a maioría formados na propia escola do grupo. 3€/2€ con desconto.
Primavera enDanza está organizado pola Concellaría de Cultura de Carballo con cinco citas coreográficas pertencentes ao programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de espectáculos que a Consellería de Cultura e Turismo promove a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).