Carballo a un paso

Inicio // Artigos // 15100 historias: unha ollada sobre construcións e...

Compartir:

15100 historias: unha ollada sobre construcións e paisaxes de Carballo

O fotógrafo Antonio Fernández expón medio centenar de fotografías do municipio nas que, segundo explica, pretende facer retratos de edificios

Unha das imaxes da exposición, coas estrelas sobre o Dolmen de Aldemunde

Unha das imaxes da exposición, coas estrelas sobre o Dolmen de Aldemunde / Foto: Antonio Fernández

Unha viaxe polos "edificios máis emblemáticos de Carballo". Unha ollada en branco e negro e tamén un percorrido por paisaxes cheas de cor nas que o home ten deixado a súa pegada modificando a contorna. Iso é o que atopará o visitante na mostra "15100 historias", unha exposición fotográfica monográfica do carballés Antonio Fernández, profesor de Lingua Galega xubilado e fotógrafo de vocación que reflicte en máis de medio centenar de imaxes a súa visión sobre o municipio.

A exposición estará aberta ao público no corredor central do Fórum Carballo durante un mes: do 15 de marzo ao 15 de abril

Antonio Fernández, natural de Sofán, desenvolviu a súa vida profesional no IES Parga Pondal. Alí era o "fotógrafo oficioso" do instituto, xa que a miúdo recorrían a el para plasmar os actos que de cotío tiñan lugar no centro educativo. Tamén ten colaborado coa revista do San Xoán achegando fotografías. A súa afección vén de sempre, pero dende que se xubilou no 2013 comezou a dedicarlle máis tempo, explorando as cámaras réflex, o formato RAW, aprendendo de forma autodidacta e tamén con numerosos cursos en Galicia, España e mesmo cun fotógrafo italiano.

En branco e negro e en cor

Nesta mostra afástase do seu estilo máis habitual, centrado nas paisaxes, para abordar outras perspectivas, dividindo a exposición en dúas partes. Na primeira, segundo el mesmo explica, quixo aproximarse á arquitectura civil e relixiosa de Carballo en branco e negro facendo o que describe como "retratos de edificios". Nas imaxes quere "extraer o edificio da súa contorna" para resaltar "o volumen e as formas da construción creando un fondo neutro". A serie de fotografías tamén conta cunha parte de imaxes en cor na que explora as paisaxes do municipio, pero sempre con construcións nas que o home ten deixado a súa pegada.

A luz, o contraste, as formas, o ceo nocturno, a auga, as estrelas... son só algúns dos elementos que quedan reflectidos nas imaxes, que de seguro merecen unha visita. Se queredes coñecelas, só tendes que achegarvos ao corredor central do Fórum Carballo entre o 15 de marzo e o 15 de abril e desfrutar. 

A inauguración: o venres 15 de marzo ás 20.30 horas. Estades convidadas e convidados!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica