De dous en dous por unha boa causa
A quinta edición desta carreira nocturna e solidaria conta con 350 inscritos que correrán o sábado 30 de marzo nun circuíto urbano por Carballo
Coñecer ben a túa parella, sincronizarse e percorrer cinco quilómetros man a man. Son os únicos requerimentos para participar na V Carreira popular por parellas "De dous en dous" que terá lugar nun circuíto urbano polas rúas de Carballo o sábado 30 de marzo. A carreira, además de ter un carácter lúdico e deportivo, persegue un fin solidario, xa que a inscrición é gratuíta para todas as categorías, coa opción “non obrigatoria e solidaria” de entregar un litro ou kilo de comida non perecedeira ou productos de hixiene infantil ó recoller o dorsal, en beneficio de Cruz Roja e Cáritas. Ademais, é de "inclusión total", xa que as persoas con diversidade funcional non terán unha clasificación aparte, senón que formarán parte da clasificación xeral da carreira.
Xa pechado o prazo de inscrición, hai un total de 343 persoas anotadas, destacando os 179 de categoría adulta e os 86 da categoría pitufo. Entre as características da carreira, organizada polo club Atletismo Carballo -coa colaboración do Concello de Carballo, Carballo Deporte, a Policía Local e Protección Civil, a Asociación Deportiva Media Ducia e Grupo Santa Marta- destaca que é nocturna, xa que a saída tomarase ás 19.45 horas e os dorsais poderán recollerse no primeiro andar do Mercado Municipal a partir das 16.00 horas. Ademais, ten unha distancia aproximada de 5.000 m. non homologada nun circuito urbano de 1.000 m. A saída de todas as probas estará situada na rúa Gran Vía á altura da rúa Álvarez de Sotomayor. As rúas polas que discurrirán as probas serán:
- CATEGORÍA PITUFO: Gran Vía, desde rúa Pintor Urbano Lugrís ata a meta.
- CATEGORÍA SUB 10: Gran Vía, xiro á esquerda por Rosalía de Castro, xiro á esquerda por Valle Inclán, continúan por rúa Colón, xiro á esquerda por Desiderio Varela ata chegar ó punto de inicio e pase por meta en Gran Vía.
- CATEGORÍAS SUB 12, SUB 14, SUB 16 E ADULTOS: Gran Vía, xiro á esquerda por Dr. Fleming, xiro á esquerda por Valle Inclán, continúan por rúa Colón, xiro á esquerda por Desiderio Varela ata chegar ó punto de inicio e pase por meta en Gran Vía.
Así que xa sabedes, a practicar atletismo por unha causa solidaria. A correr!