Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Vinde ao Curruncho Pop máis internacional!

Compartir:

Vinde ao Curruncho Pop máis internacional!

Catro concertos, cinco bandas chegadas de tres países e tres presentacións de libros nunha nova edición deste programa musical e literario

Curruncho Pop

Se che gusta a boa música e tamén a literatura tes unha cita ineludible na Biblioteca Rego da Balsa co ciclo Curruncho Pop. Catro concertos, cinco bandas procedentes de Norteamérica, Portugal, e distintos puntos de España (máis algunha sorpresa) e tres presentacións de libros compoñen a oferta desta edición, na que, coma sempre, o acceso a todas as actividades é gratuíto. As citas espállanse en distintas fins de semana entre o sábado 2 de febreiro e o sábado 11 de maio, mesturando música ao vivo e literatura musical. Así, o Curruncho Pop medra para engadir tertulias sobre libros previas aos concertos e relacionadas dalgún xeito coas actuacións. O obxectivo, amosar que as bibliotecas poden acoller todo tipo de manifestación culturais e ser espazos abertos e moi vivos.

Este ano as propostas veñen chegadas de lugares moi diferentes de todo o globo, dende Norteamérica con Sid Griffin, que estará acompañado por membros doutras bandas como Óscar Avendaño de Siniestro Total; dende Valencia co dúo Son los Grillos; dende Coimbra en Portugal coa mestura de folk e pop de Birds are Indie; ou dende Galicia con Pantis. E hai que subliñar unha das citas deste ano, o concerto homenaxe á banda carballesa Metro, que o petou alá polos anos 80 e que de seguro espertará moita expectación.

Día a día

SÁBADO 2 DE FEBREIRO

  • 19:30 h. Presentación do libro Gene Clark. Vuela hacia el sol de Álvaro Alonso. O xornalista musical e doutor en Filosofía Álvaro Alonso presentará o libro Gene Clark. Vuela hacia el sol, un percorrido pola vida e obra do xenial músico norteamericano.
  • 20:30 h. Concerto de Sid Griffin. Sid Griffin é un músico norteamericano que liderou a bandas imprescindibles coma The Long Ryders ou The Coal Porters e que atesoura unha longa traxectoria desde a década dos oitenta, incluíndo traballos tamén en solitario. É unha lenda viva do rock, e un artista polifacético: músico, escritor, xornalista, produtor, director dun selo discográfico, entre moitas das súas facetas. En Carballo presenta o espectáculo ‘An Evening of Gene Clark Music’ unha homenaxe ás cancións do seu amigo Gene Clark, membro fundador dos Byrds e un dos máis grandes e menos recoñecidos compositores da música americana. Estará acompañado por un elenco de luxo formado por Óscar Avendaño (Siniestro Total), Juancho López (Paul Collins, Kurt Baker Combo), Ángel Kaplan (Feedbacks, Cynics, Bubblegum) e Moses Rubin.

SÁBADO 16 DE MARZO

  • 20:30 h. Son Los Grillos + Birds Are Indie. A vocalista Marta Rodríguez e o músico Mauricio Mora forman Son Los Grillos, un dúo valenciano que nos agasalla cun folk psicodélico de belísima factura. Garden Of Clouds (2018) é o seu terceiro disco desde o seu debut homónimo en 2010.
  • Desde Coimbra chegan Birds Are Indie, da man de Ricardo Jerónimo, Joana Corker e Henrique Toscano. Banda independiente entre o folk e o pop e cun claro aire lo-fi. Gañáronse o favor do público e da crítica grazas a unha excelente e ampla discografía. O seu ultimo traballo leva por título Local Affairs (2018).

SÁBADO 13 DE ABRIL

  • 19:30 h. Presentación do libro Unha historia de música en Galicia, 1952-2018 de Fernando Fdez. Rego. Fernando Fdez. Rego presentará o seu libro ‘Unha historia de música en Galicia (1952-2018)’, onde se recollen historias como Metroa banda carballesa dos oitenta, que tamén será lembrada cun concerto.
  • 20:30 h. Concerto homenaxe a Metro.

SÁBADO 11 DE MAIO

  • 19:30 h. Presentación do libro Can. El sueño alemán de Jaime Gonzalo. O polifacético Jaime Gonzalo, xornalista e crítico musical cofundador da revista Ruta66, presentará Can: o milagro alemán, excelente biografía da banda máis brillante do krautrock.
  • 20:30 h. Concerto de Pantis. Pantis é o proxecto en solitario de Rubén Domínguez. Músico, deseñador e realizador audiovisual que conta cun longo percorrido na escena galega a pesar da súa xuventude. Creou, xunto con Mar Catarina, o colectivo Prenom e formou parte de bandas como Cudevaso, JIJIJI, Metralletas Lecheras, Telephnes Rouges e Chicharrón, colaborando tamén con Triángulo de Amor Bizarro, Novedades Carminha, Franc3s ou El Columpio Asesino. En 2016 publicou Pranto’un disco íntegramente cantando en galego, onde conflúen a electrónica, o pop e o kraut.

A entrada a todos os concertos será de balde, pero, debido ás limitacións do aforo, será preciso reservar con anterioridade a través do teléfono 981 758 580. Só se reservarán un máximo de catro pases por persoa. Collede os vosos!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica