Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Amal en ruta: Carballo achega o mundo árabe

Compartir:

Amal en ruta: Carballo achega o mundo árabe

Este ciclo de cinema euroárabe consta de seis proxeccións na Biblioteca Rego da Balsa e no Pazo da Cultura do 17 ao 31 de xaneiro

Unha das imaxes da mostra Familias completas, familias incompletas  Foto: Sergi Cámara

Unha das imaxes da mostra Familias completas, familias incompletas | Foto: Sergi Cámara

Crebar estereotipos, achegarnos a unha cultura moito máis próxima do que cremos, ampliar a visión que temos do mundo árabe. Son só algún dos obxectivos do ciclo de cinema euroárabe Amal en ruta, que terá lugar na Biblioteca Rego da Balsa e no Pazo da Cultura de Carballo entre o 17 e o 31 de xaneiro. É a segunda edición desta proposta na que xa teñen participado, na súa primeira entrega, máis de 400 persoas, e que está organizada polo Concello de Carballo e a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas. “A nosa misión é silenciosa pero constante a prol dun coñecemento mutuo entre a cultura árabe e a cultura galega, e entre a poboación árabe e a poboación galega, sobre todo nunha situación a nivel político moi complexa en España, onde vemos esas correntes de pensamento máis xenófobas e máis duras contra o diferente que comezan a acadar representación, e iso é moi perigoso”, manifestou Ghaleb Jaber, presidente da Fundación.

O ciclo pretende crebar estereotipos e ofrecer unha visión ampla e multidimensional dunha cultura moi heteroxénea

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explica que “a cultura ten que ser un medio de transmisión de valores e de transmisión de realidade, porque ás veces as outras realidades vémolas distorsionadas”. Nese sentido, Ferrero agarda que o ciclo de cinema fomente a reflexión “sobre o mundo no que nos tocou vivir” e a sensibilidade suficiente para que as transformacións sociais que se están a producir se baseen “nos principios de igualdade, de xustiza social e de respecto aos demais, ao diverso, ao plural”.

Programa

Amal en ruta

Amal en ruta Carballo é un resumo da última edición da Semana de Cinema Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Este ciclo consta de catro ficcións e dous documentais –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cinema árabe da actualidade. Poderanse ver do 17 ao 31 de xaneiro no Pazo da Cultura e na Biblioteca Rego da Balsa.

  • Xoves 17 de xaneiro, 20.30 h. Biblioteca Rego da Balsa: Ghost Hunting.
  • Venres 18 de xaneiro, 20.30 h. Pazo da Cultura: Alma Mater.
  • Xoves 24 de xaneiro, 20.30 h. Biblioteca Rego da Balsa: Of fathers and sons.
  • Venres 25 de xaneiro, 20.30 h. Pazo da Cultura: Sheikh Jackson.
  • Sábado 26 de xaneiro, 20.30 h. Pazo da Cultura: O Cairo confidencial.
  • Xoves 31 de xaneiro, 20.30 h. Biblioteca Rego da Balsa: Zagros.

Exposición paralela

Ademais de ofrecer unha carteleira co mellor da última edición de Amal, a proposta complétase coa exhibición da mostra “Familias completas, familias incompletas”, unha colección de fotografías realizadas polo fotoperiodista Sergi Cámara a familias de refuxiados sirios chegadas á illa grega de Lesbos. A exposición fotográfica pode visitarse no corredor da planta baixa do Pazo da Cultura.

Unha das fotografías da colección foi elixida para ilustrar o cartel oficial da Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2018. É un retrato dunha familia formada polo matrimonio Rhaman e Nazira de Afganistán, coa súa filla Yosama e os seus fillos Rami e Benjamín, tras a súa chegada nunha embarcación desde Turquía á praia de Skala Sikamineas na illa de Lesbos, co obxectivo final de chegar a Suíza.


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica