Carballo rende homenaxe ao seu fillo máis ilustre
O sábado 12 de xaneiro celebraranse unha serie de actos na honra de Alfredo Brañas con motivo do 160 aniversario do seu nacemento
Estatua de Alfredo Brañas na rúa Coruña
O venres 11 de xaneiro de 2019 cúmprense 160 anos do nacemento de Alfredo Brañas en Carballo, fillo ilustre da nosa vila, pai do Rexionalismo galego. Escritor, político, economista, xornalista, xurista e profesor de Universidade, Carballo traballa para poñer en valor a súa figura e para iso, o Concello, o Padroado Alfredo Brañas -de recente creación- e a Real Academia Galega ofrecen unha homenaxe. Presente en todos os recunchos da vila, con numerosos espazos que levan o seu nome, dende unha rúa a un dos institutos, e cunha fermosa estatua frente a casa na que naceu, agora Taberna O'Mexillon, o sábado será obxecto dun completo programa de actos.
PROGRAMA
18.30 horas
- Recepción no Concello de Carballo ao presidente da Real Academia Galega e convidados/as.
- Ofrenda floral na rúa Coruña, xunto á casa natal de Alfredo Brañas. Acto aberto á cidadanía.
- Recital do alumnado do IES Alfredo Brañas.
- Interpretación do Himno Galego por antigos membros do grupo de gaitas do Centro Cultural Alfredo Brañas.
- "Alfredo Brañas, unha memoria viva". Conferencia no Casino de Carballo con Adriana Hurtado de Mendoza, presidenta do Padroado; Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega; José Ramón Barreiro Fernández, ex presidente da RAG e historiador, e Xan Fraga Rodríguez, historiador carballés.
Convidámosvos a unirvos a esta homenaxe e a coñecer mellor o legado de Alfredo Brañas. E tamén a coñecelo mellor a través do labor do seu padroado nesta web <https://padroadoalfredobranascarballo.home.blog>.