O Nadal Cultural trae a Carballo a ilusión destas datas
O programa de actividades sempre presta especial atención aos nenos e nenas coas actuacións do Nadal Pequespectacular e as Cabalgatas
Carballo vive a ilusión do Nadal un ano máis grazas a un programa de actividades culturais e de lecer para todos os públicos pero no que os nenos e nenas son os protagonistas. O Pazo da Cultura, a Biblioteca Rego da Balsa, o Mercado de Abastos, as rúas e prazas do municipio, as igrexas parroquiais e as sedes das entidades do tecido asociativo carballés serán os espazos que, como cada ano, acollerán o espírito destas datas grazas ao Nadal Cultural.
A primeira parada do programa será o 15 de decembro ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura, onde se celebrará o acto de entrega de premios do Concurso Postal e Cartel 2018, con cuxos traballos gañadores o Concello felicita as festas cada ano aos veciños. Nesta edición participaron 1.170 alumnos e alumnas de nove colexios de infantil e primaria. O recital Cantos de Nadal poñeralle música ao acto co Coro Vagalume e o Coro O Candil, que interpretarán un repertorio clásico de panxoliñas e cantos de maitines. As Noitiñas de Nadal (o 21 de decembro, ás 21,00 horas) é outra das actividades destacadas do programa. As cantareiras e cantareiros das asociacións Arume de Berdillo, San Campio de Cances, O Candil e Nemeth volverán a levar as melodías propias destas datas ao adro da igrexa San Xoán Bautista, a Praza do Concello e a rúa Coruña.
Nadal Pequespectacular
Unha das propostas máis esperadas do Nadal Cultural 2018 é o Nadal Pequespectacular, que cumpre xa 16 edicións. Este ano reunirá no Pazo da Cultura os días 26, 27 e 28 de decembro ás 18.00 horas, tres espectáculos de teatro, música e maxia. As entradas poderanse mercar por anticipado en <www.ticketea.com>, do 12 ao 28 de decembro, ou no teléfono 902 044 226 (de 9.00 a 22.00; máximo 4 entradas por persoa). A venda directa será na billeteira do Pazonos días de función, desde as 16.30 horas.
- O mércores 26 de decembro a compañía rioxana El Perro Azul Teatro presentará Peter Pan y Wendy.
- O xoves 27 o mago Cayetano Lledó ofrecerá a súa versión, en clave de ilusionismo, de Sherlock Holmes.
- E o venres 28 será a quenda para o concerto Cancións para desafinar, do grupo A Gramola Gominola, unha das mellores bandas de rock infantil, á fronte da que está un vello coñecido do público carballés, Paco Cerdeiras (Pakolas).
Cabalgatas de Reis
Coas Cabalgatas de Reis os días 5 e 6 de xaneiro remata o programa. Este ano serán nove as que percorrerán todo o municipio para que os nenos e as nenas volvan ocupar as nosas prazas e rúas e a divertirse e ilusionarse coa chegada dos Reis Magos. Todos os desfiles están organizados polas asociacións das respectivas parroquias e contan cunha subvención do Concello.
Ademais, o Nadal Cultural 2018 inclúe, entre moitas outras propostas a visita do Apalpador á Biblioteca Rego da Balsa (20 de decembro, 19.00 horas), bailes para os maiores amenizados por Rocío Pérez e Sintonía da Coruña (no Pazo da Cultura, ás 18.00 horas, o 23 de decembro e o 13 de xaneiro) ou Mercarte, a exposición e obradoiros de artistas de Carballo que organiza a Asociación Crea Formas (Mercado de Abastos, 21, 22 e 23 de decembro).
Vive o Nadal en Carballo!