Lendas
A lenda da Braña de Rus
Contan que, na braña de Rus, as augas eran moi brancas e limpas até que un gato negro se bañou alí. Volvéronse entón escuras e, ademais, curativas. Dende entón, esta braña foi coñecida como "Os Baños Negros".
Dise polos arredores que se escoitan berros que ninguén sabe de onde proceden. Parece ser, segundo conta a tradición oral, que poden vir do propio fondo da braña…
A lenda da meiga dos dentes verdes
Contan tamén as lendas que no castro de Costenla, en Rebordelos, hai unha meiga cos dentes verdes que todas as noites vai á procura de meniños…
A lenda da galiña cos pitos de ouro
Ao parecer, na Medoña de Rebordelos, unha mámoa que queda á beira da estrada que vai á Pedra do Sal, aparece nos solsticios de verán unha galiña cos pitos de ouro, imposible de atrapar. Tamén no castro da Ribeira, en Ramil, na parroquia de Rus, saen galiñas con pitos todo ao longo do río que pasa á beira do castro.
A lenda da Pedra Moura
Pedra Moura
Chama a atención pola súa riqueza o universo de lendas e mitos que rodea os dolmens. Moitas teñen como protagonistas ás mouras, personaxes característicos da mitoloxía galega.
Conta a lenda que as pedras que conforman o dolmen de Pedra Moura, na parroquia de Aldemunde, foron carrexadas dende o Petón de Calvelo por unha destas mouras, mentres fiaba na roca e aleitaba unha crianza.
A lenda da trabe de ouro
Son frecuentes as lendas que falan de vigas de ouro que van dun castro a outro. Recolle a tradición oral que hai unha viga de ouro que vai dende o muíño da Regueira até o castro de Aldemunde.
Parece ser que se dicía que había outra que ía dende o castro de Monte Neme até o lugar de Rodo, en Oza, onde tamén hai outro castro.
Di a tradición oral que hai unha mina de ouro e outra de xofre desde a furna do Corvo ata o castro da Torrevella. Se atopas a de ouro, encheraste e riqueza, mais se bates coa de xofre, o que encontrarás á e a morte.
A lenda das covas de Sofán
Na Alta de Sofán hai un lugar chamado Covas. E, segundo conta a xente maior do lugar, parece ser que hai na zona unhas covas que recorren quilómetros baixo a terra. Hai quen di que poden ir até o lugar de Prearada, tamén na Alta de Sofán, ou de Santa Margarita, moi preto desa mesma zona. Outras fontes contan que van aínda máis lonxe, até Soandres, na Laracha.
É probable que o conto se quede só niso, nun conto. O solo do lugar é granítico, e polo tanto, difícil de desgastar, polo que non é adecuado para a conformación de covas dese tipo.
As lenda de castros e mouros
Os contos de vellos e vellas sempre sitúan aos mouros como habitantes dos castros. Os mouros e as mouras son personaxes característicos da mitoloxía galega que adoitan ser protagonistas habituais das nosas lendas.
Disque os mouros ían comer de noite a Xoios, na Laracha, ao outro lado do castro da Torre, e que nunha soa noite ergueron as igrexas de San Tomé de Monteagudo e de San Pedro de Soandres pasándose as ferramentas polo aire.
Conta a lenda que, preto da Torre, onde lindan os concellos, vense tamén as tres irmás santas: a Virxe da Estrela de Monteagudo, Santa Irene do Castrillón e Santa Marta de Coiro.
A lenda da cidade asolagada dos Baixos de Baldaio
Non sabemos se nos fondos da nosa lagoa de Baldaio estará asentada a Atlántica como ficcionou a rica imaxinación do pintor e escritor Urbano Lugrís. Iso si, son varias as lendas populares que din que en Baldaio hai unha cidade somerxida, de nome Galilea, que estaría situada nos baixos de Baldaio, especie de montaña afundida baixo o mar que está situada en fronte do noso litoral.
Dise que nos días claros e de augas cristalinas se poden ver, alumeados polas raiolas de sol, os chanzos da escalinata principal da casa grande de Galilea e escoitar as campás da vila mergullada.
Hai quen conta que esta cidade foi asolagada como castigo divino, porque a veciñanza do lugar non lle quixo dar pousada a Xesús cando veu predicar por estes lares xunto con San Miro e Santa Mariña. Outra lenda di que foi un forte temporal o que fixo desaparecer baixo do mar unha cidade –non sabemos se Galilea ou outra– que estaba situada fronte ás parroquias de Lema e Rebordelos.
A lenda da Eira das Meigas
A lenda dinos que no Monte Neme estaba a Eira das Meigas, que no San Xoán se reunían neste lugar coincidindo coa chegada do solsticio de verán. Dese carácter máxico da zona daba fe un antigo crómlech, derrubado no século pasado pola construción de pistas na zona.
Ao parecer, no San Xoán todas as bruxas da zona facían o seu aquelarre, especie de "congreso" no que se xuntaban co demo, en forma de macho cabrío, e daban conta das súas falcatruadas. Antes de ir para o Monte Neme, lavábanse e preparábanse na Fonte das Meigas, de Rabo de Lobo, en Tordoia, ou na Fonte de Amén Xesús, en San Paio de Xaneiro (preto da férveda de Entrecruces). Iso si, de camiño ao Monte tiñan boa conta de esquivar a igrexa de Santa María de Ardaña, onde disque a estatua de San Vicente lle quita o meigallo ás crianzas.