Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Cándido Pazó e Manuel Lourenzo protagonistas da...

Compartir:

Cándido Pazó e Manuel Lourenzo protagonistas da terceira finde de FIOT

O programa inclúe dous espectáculos de sala, OTNI, Metro Cadrado e a entrega do Xograr de Outono para encher de novo as rúas de teatro

Unha escea de Commedia de Contraproducións

Unha escea de Commedia de Contraproducións

A terceira finde do FIOT  chega con moito teatro galego, pero tamén cunha proposta internacional chegada de Suiza ou tamén dende Madrid. As citas comezan o venres 19 coa estrea do espectáculo Pss pss, da compañía suiza Baccalà. Tras triunfar en máis de 50 países e gañar quince premios internacionais, incluído o prestixioso galardón do Cirque du Soleil. Pss pss é unha montaxe rebosante de creatividade e enxeño que sen palabras transporta ao público á inocencia da infancia. A obra presenta a unha parella de "clowns" cuxos membros sosteñen un duelo xerando situacións ora cómicas ora serias, pero sempre inocentes. Todo canto din, insinúan ou dan a entender os dous actores comunícano a través do idioma universal dos xestos: a arte da mímica, do que Marcel Marceau foi un dos seus máximos exponentes. Será ás 21.00h.

O certame Metro Cadrado visita o corredor do Pazo da Cultura e a galería de arte Manolo Eirín o sábado 20 de outubro

O sábado 21 de outubro, o FIOT seguirá a súa andaina con dous novos espectáculos do ciclo Metro Cadrado. O primeiro, Antes que nada, de Faunos, representarase no Corredor do Pazo da cultura en varios pases: á unha, unha e media, sete e sete e media. Paralelamente, na galería de arte Manolo Eirín o público dispoñerá doutra oferta: As vacacións máis longas, espectáculo de danza contemporánea do bailarín Diego M. Buceta. O prato forte do sabado será a representación no Pazo da Cultura de Iphigenia en Vallecas, de María Hervás y Serena Producciones, protagonizada pola propia María Hervás. A obra versa sobre a vida dunha moza que sobrevive sen recursos e que nin estuda, nin traballa nin sabe que facer coa súa vida.

Commedia e Xograr de Outono

Manuel Lourenzo en Fariña

Manuel Lourenzo en Fariña

A fin de semana de FIOT pecha o domingo cunha cita especial ás oito e media da tarde no Pazo da Cultura para entregar o Xograr de Outono ao actor Manuel Lourenzo, un dos principais referentes do teatro en Galicia: dramaturgo, director, actor, promotor teatral, formador de moitas xeracións de actores... Manuel Lourenzo é unha das persoas imprescindibles para a creación do teatro galego, quen dedicou a súa vida a esta arte. A súa intensa, prolífica, creativa e extensa traxectoria profesional distíngueo especialmente no eido do teatro.

A maiores de actor de teatro en numerosas producións da súa compañía e noutras, é moi valorado no sector audiovisual, destacando a interpretación de míticos personaxes da televisión como Melgacho en Mareas Vivas (1998), ou máis recentemente Terito en Fariña; tamén ten participado en longametraxes como Urxa(1989), de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, Entre Bateas (2001) de Jorge Coira ou O lapis do carpinteiro (2002) de Antón Reixa.

Logo da entrega, será escenificada Commedia, de Contraproducións. Un espectáculo de humor, acrobacias e música en directo, todo iso trufado de divertidos equívocos e enxeñosos enredos: «Un xoguete escénico no que os cómicos, como fai 25 anos, non teñen outra intención que divertirse divertindo», subliñou o seu director, Cándido Pazó.

Que suba o pano!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica