Non se che ocorre nada para ler? Practica bookcrossing!
Podes atopar e liberar libros cando queiras na Oficina de Turismo do Museo de Bergantiños, no IES Alfredo Brañas e no Mercado Municipal
Un dos puntos está situado no Museo de Bergantiños
En Carballo sempre é un bo momento para ler, aínda que só esteas de visita. Nas nosas dúas bibliotecas, ou tamén de forma itinerante... collendo e soltando libros nos nosos puntos de bookcrossing! Despois do éxito da iniciativa que comezou este verán nas praias do Concello, agora vai continuar todo o ano. Podedes atopar libros en tres puntos na capital municipal: na Oficina de Turismo do Museo de Bergantiños, que xa estivo operativo durante o verán, e dous novos no IES Alfredo Brañas e no Mercado Municipal. Non teñen perda, e ademais en cada zona atoparás información sobre o funcionamento do bookcrossing en galego, castelán e inglés.
Para aproveitar o servizo só hai que escoller libro, rexistralo e ler; devólvese no mesmo ou noutro punto de BookCrossing
Así poderás seguir atopando, lendo e liberando libros, e convertendo Carballo nunha xigantesca biblioteca. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o hábito da lectura e poñer de manifesto que calquera lugar é bo para ler. Por iso, os puntos de bookcrossing de Carballo serán nómades. Cada certo tempo irán cambiando de lugar, pero ademais convidámoste a que ti tamén crees novas zonas de bookcrossing onde máis che guste. Por se aínda non sabes como funciona, para atopar os libros abonda con achegarse ao puntos de intercambio. Unha vez seleccionado o exemplar, o usuario/a poderá levalo consigo e desfrutar da súa lectura onde e cando queira. Finalmente, o libro libérase deixándoo no mesmo punto ou noutra zona oficial BookCrossing.
Libros de toda caste
Entre o volume de exemplares xa liberados atópanse todo tipo de títulos dirixidos ao público xuvenil e adulto. Autores como Ken Follet, Robert Louis Stevenson, Lewis Carroll, o recentemente falecido Stephen Hawking ou mesmo escritoras de novela romántica como Nora Roberts. Súper vendas pero tamén clásicos de sempre.
Esta iniciativa vai enmarcada na campaña #biblionízate!, impulsada desde as nosas bibliotecas para espallar o virus da lectura por todo o municipio. Polo ben de todos e todas e para que este servizo poida ter continuidade, desde a Concellería de Cultura de Carballo prégase aos usuarios e usuarias que fagan un uso correcto dos libros, tratándoos coma se fosen propios e devolvéndoos despois de rematalos.
E agora, a poñerse a ler!!!