Comezan as funcións de sala, segue a Rúa dos Contos e chega o Fiotiño: TE-A-TRO
O FIOT continúa na súa segunda fin de semana con citas para todos os públicos de venres a domingo e cunha nova sesión de teatro de rúa
La Tristura presenta no FIOT Future Lovers
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo non da tregua e presenta a súa segunda fin de semana co comezo das funcións de sala, novos espectáculos na Rúa dos Contos e un programa especial para os máis pequenos, o Fiotiño. Propostas de venres a domingo e para todos os públicos. O pano do Pazo da Cultura volverá a subir o domingo 7 de outubro ás 20.30 horas coa compañía madrileña La Tristura que estrea en Galicia a obra Future Lovers. Unha oportunidade única para que o público presencie a obra dunha das compañías de teatro contemporáneo máis importantes de España con gran proxección internacional.
As funcións comezan cunha obra dirixida aos millenials e moi próxima ao público, conectando cun dos eixos do 27 FIOT: a mocidade
Future Lovers abre unha fiestra á vida dos mozos e mozas nacidos arredor do ano 2000, representando un sincero retrato sobre a xeración dos "millenials". Un fermoso exercicio entre a realidade e a ficción, contundente e próximo ao público. A proposta presenta unha coidada escenografía e, segundo a crítica, «é un espectáculo que non podes perder se tes 17/18 anos ou se tes fillos con estas idades». Esta obra inicia o ciclo de teatro de sala porque a mocidade é un dos eixos da 27 edición do FIOT.
Noite branca do teatro: Fiotiño
Fiotiño
Os máis cativos e cativas tamén teñen o seu propio espazo no festival carballés: o Fiotiño. Un ano máis terán a oportunidade de coñecer os segredos do teatro e vivir unha experiencia inesquecible e moi enriquecedora arredor do mundo máxico do teatro. Será no Pazo da Cultura de Carballo. Participan neste mini campamento 25 nenos e nenas de 6 a 12 anos. Coñecerán como é un teatro por dentro, participarán de divertidos obradoiros e mesmo crearán unha pequena obra de teatro. Pasarán unha noite de teatro, xogos, sorpresas e contarán coa presenza duns convidadados moi “espaciais”.
Máis Rúa dos Contos e Teatro de rúa
A primeira actuación na Rúa dos Contos da segunda fin de semana de FIOT terá lugar o venres 5 de outubro na Cervexaría Ágora ás 21.00 horas, con Lois Pérez e o seu espectáculo Historias da fronteira. Unha mestura de humor e tradición oral. As risas continuarán cun imprescindible da Rúa dos Contos: Cándido Pazó, ás 23.00 horas na Cafetería Valle Inclán co monólogo Como cho conto, un rosario de historias e contos sobre cousas cotiás que parecen mentira.
O sábado 6 de outubro terá lugar unha nova sesión de Teatro de Rúa, será ás 20.00 horas na Praza do Concello, onde o grupo Erori mostrará o espectáculo Cair Circo: malabares, acrobacias, caídas e coreografías perseguindo un maletín. O sábado tamén terá lugar unha actuación no Mercado Municipal, ás 21.30 horas o dúo arxentino Sutottos ofrecerá Inestable; actuación que se distingue polo humor e a sinxeleza. Un fenómeno de "off porteño" que recala en Carballo.
O mesmo sábado continuarán os espectáculos da Rúa dos Contos no Pub O Patacón, onde ás 00.00 horas Las Antonias presentarán Boleros e outras delicias, un show musical de temas moi coñecidos aos que as artistas dan unha visión moi persoal. O domingo 7 comeza cunha nova representación da Rúa dos Contos, ás 13.00 horas na Cervexaría A Bombonera a cargo de La Mosca Valiente, que substitúen aos madrileños Chanson Mormon dado que un dos seus compoñentes debe permanecer inmobilizado debido a un accidente de tráfico.
Así que, xa sabedes. De todo, moi bo e para todos os públicos no FIOT!