Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Fedra cobra vida a través de Lolita Flores no FIOT

Compartir:

Fedra cobra vida a través de Lolita Flores no FIOT

A actriz e cantante pisará as táboas do Pazo da Cultura o sábado 13 de outubro e non vos despistedes: a función será ás 20.30 horas!

Unha escena de Fedra / Foto: Pentacion

Unha escena de Fedra / Foto: Pentacion

Dende o Teatro La Latina de Madrid directa a Carballo chega Fedra, a nova produción de Pentación Espectáculos. Será con Lolita Flores o sábado 13 de outubro e será a estrea en Galicia desta traxedia adaptada por un dos novos dramaturgos máis notables do panorama actual, Paco Bezerra. A obra presentouse por primeira vez no Festival de teatro clásico de Mérida, e dende entón foi medrando en Madrid para agora xirar por toda España. Lolita Flores encarna a Fedra. Fedra é un volcán. De emocións, de paixóns, de sentimentos, de pulsións. E ese volcán entra en erupción para configurar unha das traxedias gregas máis saborosas e que máis creadores adaptaron dende que Eurípides, alá polo 430 AC, a levase ao papel.

A produción de Pentación preséntase en Carballo por primeira vez en Galicia e tamén conta coa presenza de Tina Sáinz

O texto clásico cobra agora nova vida cun zume de traxedia que exuda intensidade e poesía e que puxo en pé Luís Luque, habitual compañeiro de aventuras escénicas de Bezerra, cunha protagonista que concentra as miradas cada vez que se sobe a un escenario: Lolita González Flores. Xunto a ela Juan Fernández, Críspulo Cabezas, Eneko Sagardoy e Tina Sáinz. Esta última unha grande dama do teatro que os fioteiros non poden perder a oportunidade de ver.

Un Eurípides revisado

Fedra

Fedra emerxe en escena atafegada polo tormento, coa súa espesa cabeleira cubrindo o seu rostro, nunha fermosa imaxe creada por Luque. A culpa lle corroe e lle atenaza, pero aos poucos vai crecendo nela o orgullo, a firmeza, que lle levan a querer desafiar as normas e reivindicar a lexitimidade dos seus desexos. Pero tropeza coa negativa de Hipólito, e a necesidade de salvarse da ira de Teseo, o seu marido, lévanlle a acusar o seu fillastro de querer violala. A traxedia está servida.

O FIOT acollerá unha suxestiva posta en escena que nos transportará directamente ao ardente corazón da protagonista que encabeza un excelente equipo. A entrada custa 15 euros, a duración do espectáculo é de 90 minutos e a cita está recomendado para público a partir de 14 anos. E non o esquezades, desta volta a función comeza ás 20.30 horas, ao contrario do habitual no festival que son as 21.00 horas.


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica