Carballo a un paso

Inicio // Artigos // Ron Lalá volve ao FIOT para presentar Crimen y...

Compartir:

Ron Lalá volve ao FIOT para presentar Crimen y Telón

A compañía, Premio do Público do festival en 2016, premiada con dous Max e outros galardóns, estrea en Carballo para Galicia a súa última produción

Un momento de Crimen y Telón

Un momento de Crimen y Telón

A compañía madrileña Ron Lalá volve un ano máis ao Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) para estrear en Galicia a súa última produción, Crimen y Telón. Será o xoves 11 de outubro, ás nove da noite dentro da programación do festival. A nova obra de Ron Lalá é un thriller ambientado nun próximo futuro no que as artes están prohibidas e o noso planeta é liderado por unha intelixencia artificial cun exército de drons. Unha investigación a contrarreloxo na que calquera pode ser culpable. Mesmo vostedes, señores espectadores.

A cita cos madrileños será o xoves 11 de outubro ás 21.00 horas e o prezo da entrada de 15 euros

Humor cítrico, ritmo desenfreado, poesía, música, gargalladas, provocación e un espírito xuvenil que tan ben acae neste FIOT. Con esta comedia musical, Ron Lalá realiza unha homenaxe ao teatro universal. Despois de converterse nun premiado referente nacional pola actualización do teatro clásico -con, entre outros moitos, o premio Max ao mellor musical e o premio Max á mellor produción privada de artes escénicas- volven a Carballo cun xiro ao xénero negro ao que transfiren a identidade, tan querida polos fioteiros, xa que de feito recollerán un novo Premio do Público do FIOT, neste caso por Cervantina, da que gozamos no 2016.

Ampla relación con Carballo

A compañía Ron Lalá mantén dende hai anos unha estreita relación co FIOT e con Carballo. Teñen presentado nas táboas do Pazo da Cultura todas as súas producións, recibindo en dúas ocasións o Premio do Público por Siglo de oro, Siglo de ahora (Folía) ademais de por Cervantina. Vellos coñecidos do público, sempre conseguen longas ovacións e un espectador que marcha da sala satisfeito. Desta volta o espectáculo -recomendado para maiores de 12 anos- durará 100 minutos e o prezo da entrada é de 15 euros.

Ron Lalá é só unha das compañías que contribúe a que o FIOT sexa un dos grandes referentes culturais de Galicia. A gran confluencia de participantes converte ao festival nun evento que concentra a un número de persoas equivalente a un terzo da poboación de Carballo, unha cifra con gran impacto social e económico. Estade atentos e atentas que seguiremos avanzando o programa en próximos días!


Ligazóns

Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica