Carballo a un paso

Inicio // Artigos // A arte urbana une Carballo e Ferrol

Compartir:

A arte urbana une Carballo e Ferrol

O creador carballés Mon Lendoiro, con varias obras no proxecto Derrubando muros, é o primeiro carballés en deixar Meninas no barrio ferrolán de Canido

Obra de Mon en Ferrol

Obra de Mon en Ferrol

A arte urbana no serve só para recuperar espazos nos nosos pobos e cidades e para revitalizar o noso contorno. Tamén serve para tender ligazóns entre vilas, barrios, creadores... E, dalgún xeito, o proxecto carballés Derrubando muros con pintura e o ferrolán das Meninas de Canido deron a man este mes de setembro grazas ao creador carballés Mon Lendoiro. Trátase do primeiro artista da nosa vila que colabora deixando a súa particular visión de Las Meninas de Velázquez neste proxecto de arte urbana que, ao igual que Derrubando Muros, pretende cambiar a morfoloxía dunha área castigada urbanísticamente e que, dende 2008 ata hoxe ten conseguido converter o barrio ferrolán de Canido nun referente no que 1.200 artistas teñen deixado o seu legado. A primeira fin de semana de setembro é o momento en que todos os artistas se encontran e traballan en Ferrol, do mesmo xeito que a semana do Rexenera Fest en Carballo en maio aglutina o traballo dos creadores convidados.

Os dous proxectos pretenden recuperar zonas urbanas a través da arte con murais e obras de creadores nacionais e internacionais

En certo modo, Mon chegou a Ferrol grazas a Derrubando Muros. Xa que comezou como muralista realizando varios traballos en Carballo, na rúa Luís Calvo con Elefante, a carón da Biblioteca Rego da Balsa con De camiño vou, cunha intervención con outros creadores no Parque Rego da Balsa... Ademais, en 2017 había prevista unha colaboración entre as Meninas e o proxecto carballés en forma de conferencia. Finalmente non se dou, pero o noso artista contactou xa en 2018 co responsable da iniciativa veciña, Eduardo Hermida, que reservou un espazo para que Mon creara unhas meninas diante da súa propia casa. Un día lle levou terminar o seu traballo, de 9 da mañá a 8 da tarde. Rodeado de música, teatro, visitantes, bailaríns... nun día de sol e moito calor sentiuse moi arroupado pola xente do barrio, que mesmo lle ofrecía comida e bebida.

Reinterpretación de Velázquez

A obra está a carón da porta dunha vivenda

A obra está a carón da porta dunha vivenda

Respecto do significado da súa obra en Ferrol, Mon explica que levou o cadro de Velázquez ao seu terreo. Puxo unha reproducción da obra orixinal diante dos seus ollos e comezou a crear unha pintura que cadra exactamente co seu estilo e que reproduce a parte do cadro máis próxima a nós, precisamente aquela na que están as Meninas. Unha imaxe alegre, chea de cores e cunhas protagonistas sorrintes (a Infanta Margarita de Austria coas súas meninas Isabel de Velasco e María Agustina Sarmiento), a excepción da enana Mari Bárbola, á dereita de todo, que está máis descontenta. Tampouco falta na ollada de Mon o gran mastín do cadro.

Mon Lendoiro cualifica a experiencia como "xenial" e anima a todos os carballeses e carballesas, a estas alturas xa experimentados en arte urbana, a que visiten Canido, xa que non atoparán unicamente murais, senón tamén esculturas, meninas en azulexos, ferro, palla, barro, ocupando paredes xigantes ou recunchos máis agochados... Só este ano engadíronse 36 novas meninas ao proxecto.

Así que, xa sabedes, se queredes desfrutar coa conexión, só tendes que achegarvos a Ferrol e dar un paseo por Canido. E, por suposto, convidamos a todos os amantes do proxecto ferrolán a visitar os nosos murais!


Feader Ministerio de agricultura, alimentaci?n y medio ambiente Xunta de Galicia Deputaci?n da Coru?a Galicia Agader Costa da Morte - Terra Atl?ntica